Pesca : Marín acogió una jornada sobre la política de descartes

A conselleira do Medio Rural e do Mar participou en Marín na Xornada sobre a aplicación práctica da política de descartes 

ROSA QUINTANA DEFENDE A PAULATINA ELIMINACIÓN DOS DESCARTES RESPECTANDO OS OBXECTIVOS SOCIAIS, ECONÓMICOS E AMBIENTAIS DA PESCA
  • A conselleira advertiu da dificultade de implementación desta práctica e sinalou que “á hora de abordar medidas como esta debemos evitar que as regras sexan dispersas, difíciles de interpretar, controlar e impoñer”
  • Neste sentido, sinalou que deberían establecerse plans de descartes para cada pesquería con novas regras provisionais e sinalou que “só cando as restantes regulamentacións teñan sido adaptadas ao novo concepto, podería entrar en vigor a obriga de desembarque dos descartes”.
La conselleira Quintana y la alcaldesa Ramallo
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, defendeu a eliminación paulatina dos descartes (práctica de devolver ao mar as capturas de peixe non desexadas), e que os desembarques leven aparelladas medidas que preserven os obxectivos sociais, económicos e ambientais da actividade pesqueira, “sen conducila á quebra”. Fíxoo na apertura da Xornada sobre a aplicación práctica da política de descartes, organizada pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín e que se desenvolve hoxe na Autoridade Portuaria desta localidade pontevedresa.

Na súa intervención, Rosa Quintana advertiu da vontade positiva que ten a eliminación dos descartes, pero tamén da dificultade da súa implementación práctica na actividade diaria do sector pesqueiro. Neste sentido, explicou que a obriga de evitar os descartes non está en discusión, pero  “as discrepancias xorden cando a aplicación práctica desa nova política se atopa con carencias, contradicións, falla de mecanismos adecuados para o control e, ás veces, unha escasa documentación que avale a situación real sobre as especies devoltas ao mar”. 

Por iso, a conselleira sinalou que “á hora de abordar medidas como esta debemos evitar que as regras sexan dispersas, difíciles de interpretar, controlar e impoñer”. Tamén se debe evitar, dixo, que sexan incompatibles cos postulados da Política Pesqueira Común e neste caso destacou a “discrepancia e incoherencia” entre a prohibición dos descartes e a estabilidade relativa (criterio de reparto de cotas de pesca contemplado hai máis de 30 anos, que establecía as asignacións en función das capturas históricas para consumo humano e non incluía as destinadas a fariñas e aceites de peixe), xa que este criterio que a día de hoxe se mantén foi concebido para unha actividade pesqueira con descartes. 

Neste sentido, Rosa Quintana destacou a necesidade de “establecer un marco regulatorio que implemente mellor a nova política pesqueira comunitaria desde un modelo compatible coa práctica pesqueira”. Deberían –dixo– “establecerse plans de descartes para cada pesquería con novas regras provisionais e sinalou que “só cando as restantes regulamentacións teñan sido adaptadas ao novo concepto, podería entrar en vigor a obriga de desembarque dos descartes”.

Frota de baixura
Por outra parte, a conselleira reclamou que se teña en conta a específica situación que se dá con esta normativa para a pesca de baixura ou de pequena escala, que está integrada por 3.800 buques e 5.440 tripulantes e cuxos desembarcos representan o 22% do total descargado na nosa Comunidade.


Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que “a importancia desta frota de baixura é enorme para as poboacións costeiras, e esta vese directamente afectada pola obriga dos desembarques, malia o seu limitado esforzo e escaso impacto nos descartes. Por iso, lembrou, demandamos xa diante do Parlamento Europeo que se opte por un réxime diferenciado para a xestión da prohibición dos descartes nestas frotas”.