20/4/15

“Reforma, rectificación e emenda son consubstanciais coa Democracia", proclamó Feijóo este lunes, en Madrid

O presidente da Xunta participou esta maña nos Almorzos de Europa Press
FEIJÓO DESTACA AS VIRTUDES DA DEMOCRACIA E A SÚA CAPACIDADE PARA CORRIXIR SITUACIÓNS ANÓMALAS SEN POÑER EN PERIGO A ESTABILIDADE E A CONVIVENCIA 
  • “A democracia dá preferencia aos reformadores sobre os falsos mesías, e grazas a iso os cambios que nela se producen non son traumáticos, nin irreversibles”, salienta
  • Resalta que Galicia forma parte desas comunidades que se empeñan por superar os seus límites xeográficos; e refírese ao galeguismo sen fronteiras, co que se sinte plenamente identificado a maioría dos galegos
  • Avoga pola coherencia e polo diálogo para gobernar, “non para desgobernar”, lembrando que o proceso democrático en España e o proceso autonómico en Galicia cimentáronse con aquel principio enunciado por Adolfo Suárez, consistente en ‘elevar á categoría de politicamente normal o que na rúa é normal’”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe as virtudes da democracia e a súa capacidade para corrixir situacións anómalas sen poñer en perigo a estabilidade e a convivencia.  “Reforma, rectificación e emenda son consubstanciais coa democracia. A democracia dá preferencia aos reformadores sobre os falsos mesías, e grazas a iso os cambios que nela se producen non son traumáticos, nin irreversibles”, aseverou. 

Feijóo, que hoxe participou nos Almorzos de Europa Press, afirmou que na actualidade existe un novo fariseísmo que menospreza na súa totalidade o sistema vixente e que pretende facer crer que ideas como reforma, rectificación ou emenda non teñen cabida. E, ante isto, asegurou que “é precisamente agora cando se requiren persoas que non se vexan condicionadas polas mentiras que cuestionan o noso sistema democrático, senón que crean nel porque foi o que garantiu o maior período de progreso social e económico de toda a nosa historia; persoas que pensen e actúen en grande, e non con obxectivos individuais ou partidistas”.

Nesta mesma liña, incidiu en que o pouco fundamento daqueles que negan as posibilidades do país para seguir avanzando faise evidente desde o seu discurso económico: “Negan o logro económico de ter evitado o rescate de España, esquecendo que mesmo algúns deles nos quixeron convencer de que o mellor era pedilo. Negan calquera dato positivo, esquecendo que o crecemento da economía e a redución do paro é o froito do esforzo dun goberno, pero sobre todo do conxunto dos españois. Negan a mellora dos servizos públicos, obviando que non hai tanto tempo estaba en serio cuestionamento a viabilidade futura da Sanidade Pública, da Educación Pública ou dos Servizos Sociais Públicos”, salientou.

Se ben aínda queda por facer, Feijóo valorou o traballo feito ata o de agora e avogou por continualo. “A cuestión estriba en saber se damos unha resposta como fariseos ou como publicanos, unha resposta reformista ou rupturista, unha resposta que quere curar ou outra que busca a amputación expeditiva”, dixo, ao que engadiu que a maior parte dos estados que forman parte da nosa cultura política responderon con reformas, “tanto no plano institucional como no funcionamento dos partidos”.

Un galeguismo sen fronteiras
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta salientou tamén que nos últimos tempos está a xurdir unha clara diferenciación entre autonomías que se fan máis pequenas cun nacionalismo obsesivo, e outras que se empeñan por superar os seus límites xeográficos. 

Sobre este punto, aseverou que Galicia forma parte desta segunda categoría, referíndose ao galeguismo sen fronteiras, co que se sinte plenamente identificado a maioría dos galegos. “Ese galeguismo reformista é a idea que nos move”, afirmou, ao que engadiu que é tamén a idea que permite á comunidade estar alerta contra intentos de socavar a equidade territorial, mediante reformas ambiguas do Estado autonómico, ou ataques ás infraestruturas básicas para o desenvolvemento de Galicia.

Respecto ao primeiro envite, Feijóo explicou que se o federalismo que algúns propugnan supón privilexio para certas comunidades en prexuízo doutras, “é inaceptable”; “e, se soamente consiste en cambiar o nome da nosa organización territorial, entonces é superfluo”.

Así mesmo, e respecto ao segundo, o titular do Executivo autonómico afirmou que o caso do AVE serve para retratar o que se esconde baixo a retórica de determinados círculos. “Resulta curioso que se formase unha heteroxénea coalición de intereses para frear un proxecto que, por sorte, segue levando con compromiso inalterable o Goberno central”, dixo, ao que engadiu que con esa postura non só se resta competitividade ao país, “é tamén unha cuestión de principios, unha cuestión de equidade, porque non é posible nin compatible defender a igualdade de todos os españois e estar en contra do AVE en Galicia”.

Fronte á incoherencia, Feijóo avogou pola coherencia e polo diálogo para gobernar, “non para desgobernar”, lembrando que o proceso democrático en España e o proceso autonómico en Galicia, se cimentaron con aquel principio enunciado por Adolfo Suárez, consistente en ‘elevar á categoría de politicamente normal, o que na rúa é normal’. 

“Nas rúas dos anos setenta, e nas do 2015, o normal é a convivencia, a moderación, a comprensión dos problemas, e tamén enfados lexítimos por esta medida ou aquel comportamento”, dixo, ao que engadiu que o realmente pasado de moda no mundo de hoxe é a tensión social, a segregación e a insolidariedade.