Xunta persigue el objetivo de una nueva Industria inteligente

Conde, conselleiro
CONDE SALIENTA QUE A AXENDA GALICIA-INDUSTRIA 4.0 ACTIVARÁ UNHA NOVA INDUSTRIA INTELIXENTE PARA “CONVERTER UNHA REVOLUCIÓN GLOBAL NUNHA OPORTUNIDADE LOCAL”
  • O conselleiro de Economía e Industria presentou no Parlamento galego esta folla de ruta coa que a Xunta aposta por “fixar tecido industrial en Galicia para crear máis emprego e de máis calidade” 
  • Incide en que a Axenda “recolle medidas concretas para responder a necesidades e obxectivos concretos”, lembrando a dobre meta de que a industria medre ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos
  • Apunta que a Industria 4.0 “é unha “realidade incuestionable que non podemos nin debemos rexeitar” 
  • Lembra que se trata dunha nova forma de abordar os procesos industriais e crear valor a través da tecnoloxía, o talento e a innovación” e será determinante tamén para as pemes
  • Sinala que se trata da Axenda dos máis de 120 axentes que colaboraron na súa elaboración, coas achegas do empresariado galego, e en especial das industrias, así como de clústers e centros tecnolóxicos
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou no Parlamento galego a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que cualificou como “unha axenda aberta e integradora que reflicte a colaboración público – privada” para poñer en práctica “unha nova industria intelixente, que sexa quen de converter unha revolución global nunha oportunidade local”. 

Conde  apuntou que a tendencia da economía internacional se redirixe a reinventar a industria a través da fábrica intelixente e que a política industrial do Goberno galego busca adecuar as pemes galegas a esta realidade. Do mesmo xeito, sinalou que con esta Axenda a Xunta aposta por “fixar tecido industrial en Galicia por ser o sector que, historicamente, ten amosado crear máis emprego e de máis calidade”, fortalecendo o sector industrial e converténdoo no motor do crecemento da economía galega. Neste sentido, lembrou o dobre obxectivo que se fixa nesta folla de ruta: que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos. 

Salientou o conselleiro que a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 é a axenda dos máis de 120 axentes que colaboraron na súa elaboración, coas achegas do empresariado galego, en especial das industrias, así como de clústers e centros tecnolóxicos, entre outros.

Medidas concretas
Neste sentido incidiu Conde en que o diálogo iniciado levou a deseñar cinco grandes programas de impulso, con medidas concretas para responder a necesidades e obxectivos concretos. Estes programas refírense á mellora dos factores territoriais de competitividade; a máis organizacións profesionalizadas e máis persoas cualificadas; a afondar na capitalización e crecemento das empresas; a impulsar un compoñente de innovación maior, e a ampliar os mercados.

No primeiro programa, entre os compromisos da Axenda está facilitar solo industrial máis económico e mellor dotado, unha actuación xa en marcha a través da venda de solo industrial bonificado e á que se suma o apoio do Igape, que financiará ata o 40% do custo de proxectos empresariais a desenvolver neste solo industrial. 

Tamén lembrou o conselleiro de Economía e Industria dentro destes compromisos a  simplificación normativa e máis axilidade nas tramitacións administrativas. Neste ámbito, fixo fincapé en medidas como a eliminación das licencias municipais de apertura, e o decreto para facilitar a posta en marcha de novas gasolineiras, que se complementarán coa posta en marcha dunha oficina doing business en Galicia, unha plataforma pública en Internet para atender as denuncias sobre obstáculos e propoñer suxestións.

Puxo o acento ademais no talento e a excelencia tecnolóxica e organizativa, sinalando entre outros aspectos que se vai facilitar o coñecemento dos modelos e as tecnoloxías para a fábrica intelixente. Indicou así mesmo que se potenciará o emprendemento industrial, co foco nos sectores de gran potencial e a creación de startups. Así mesmo, tal e como detallou Conde, coa Axenda búscase apuntalar o crecemento e o tamaño das pemes, a través de diferentes liñas de financiamento, poñendo como exemplo a nova liña de préstamos do BEI, que permitirá destinar 135 millóns de euros a apoiar o circulante. Apuntou tamén Conde no ámbito da innovación á diversificación dos produtos e negocios.

No cuarto programa, tal e como explicou o conselleiro de Economía e Industria, recóllense as medidas para crear valor e deseñar o modelo galego de fábrica intelixente, favorecendo proxectos innovadores, impulsando a transferencia de resultados ao mercado e a captación de fondos públicos e privados. Ademais, apoiaranse aspectos relacionados coa internacionalización da fábrica intelixente, impulsando novas formas para atraer investimentos, e apostando por novos mercados e a diversificación. 

En liña con Europa
Na súa intervención ante o pleno da Cámara, Conde incidiu en que a planificación que se recolle na Axenda Galicia-Industria 4.0 se enmarca no Horizonte 2020, e vai en liña coas directrices da Unión Europa, ao igual que se fixo co Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega. 

Asegurou Conde que é unha “Axenda ambiciosa da industria galega para a industria galega” e apuntou que este é o compromiso do Goberno galego e del se deu conta na elaboración do programa operativo Feder Galicia 2.014-2020, apuntando que a gran maioría dos 883 millóns de euros que se recibirán deste fondo europeo irán a promover a economía do coñecemento. 

Conde remarcou que a Industria 4.0 non é excluínte, que “se trata dunha nova forma de abordar os procesos industriais e crear valor a través da tecnoloxía, o e a innovación” e que “é moito máis que robots e máquinas”. Neste sentido, asegurou que “o modelo de fabrica intelixente é para todos e resultará determinante tanto para as industrias máis avanzadas e cun alto compoñente tecnolóxico como para as industrias máis tradicionais e pequenas”.

Foco nas pemes
Así, asegurou que Galicia ten un tecido produtivo baseado nas pequenas empresas, polo que a Axenda ten o foco nas medidas para atender as súas necesidades concretas, sen esquecer ás grandes empresas polo seu efecto tractor na economía e pola súa contribución á imaxe de Galicia.

Do mesmo xeito, Conde explicou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 buscará “fortalecer todos os sectores produtivos para crecer e crear emprego”, tanto estratéxicos como emerxentes, e especificou no eido do naval 4.0 que a Xunta xa ten un acordo de 2 millóns de euros con empresas e centros de investigación galegos para impulsar tecnoloxías innovadoras.

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que o modelo de Industria 4.0 é unha “realidade incuestionable que non podemos nin debemos rexeitar” na que están avanzando países como Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido ou Corea do Sur, apuntando así mesmo que o País Vasco e outras rexións europeas teñen tamén a atención posta neste modelo, e recordou que xa hai empresas galegas que se están “preparando para estar no grupo de cabeceira da Industria 4.0 en Europa e exercer un efecto tractor no tecido industrial galego”.