28/5/15

A XUNTA REFORZA COMPROMISO COAS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL, CUN 40 POR CENTO MÁIS DE AXUDAS QUE NO ANO ANTERIOR

  • O titular da Xunta avanza que “a Xunta investirá 5,2 millóns de euros, o que supón un 40 por cento máis do que investía no ano 2014 e un 62 por centro máis do que se investía en 2013”
  • Destaca que esta liña será, por primeira vez, plurianual, e o período subvencionable estenderase desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 31 de marzo de 2016
  • Pon en valor que a Xunta vai dedicar un 35 por cento máis á partida específica para albergues, comedores e centros de acollida que na convocatoria do ano 2014: dous millóns de euros
  • Entre as actuacións que apoiarán estas axudas, Feijóo refírese a aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas, a proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos, á atención para a inclusión social e acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social ou para a poboación inmigrante
  • Ademais de prestar atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, darase especial relevancia tamén aos procesos vinculados á inclusión social activa
  • Referíndose á partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social , subliña que “neste ano 2015 estamos investindo 70 millóns de euros, o que supón un 17,7 por cento máis que no ano 2014”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso social da Xunta cunha nova liña de axudas para entidades de iniciativa social de Galicia. Como especificou, “a Xunta investirá 5,2 millóns de euros, o que supón un 40 por cento máis do que investía no ano 2014 e un 62 por centro máis do que se investía en 2013”. “Estamos no terceiro ano consecutivo no que se incrementa o orzamento destinado ás asociacións que se comprometen coa inclusión social”, engadiu.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que esta liña será, por primeira vez, plurianual, co obxectivo de dar resposta ás demandas das propias entidades, facilitando un prazo maior para que executen as súas actuacións. 

Logo de destacar que o período subvencionable estenderase desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 31 de marzo de 2016, Feijóo subliñou que este ano vólvese garantir, ademais, que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención, sempre que conten con autorización oficial da Xunta. “De feito –precisou-, imos dedicar un 35 por cento máis a este tipo de iniciativas que na convocatoria do ano 2014: dous millóns de euros en total”.

Así mesmo, lembrou que estas novas medidas únense ás xa incorporadas o pasado ano, como incluír a posibilidade de que as entidades poidan pedir anticipos da subvención para o desenvolvemento das súas actividades de inclusión, ou o feito de unir tres liñas de axuda nunha soa convocatoria, o que permite unha maior axilidade na tramitación dos expedientes.

Entre as actuacións que apoiarán estas axudas, Feijóo referiuse a aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas, a través de subvencións aos centros de inclusión e emerxencia social (albergues, centros de acollida, comedores sociais...). Do mesmo xeito, tamén se investirá en proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos, na atención para a inclusión social e acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social ou para a poboación inmigrante.

Ademais de prestar atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, subvencionando actuacións en territorios que padezan exclusión territorial severa por causa da dispersión, perda de poboación ou dificultades de comunicación, darase especial relevancia tamén aos procesos vinculados á inclusión social activa, en consonancia co que se recolle na Estratexia para a Inclusión de Galicia 2014-2020, consensuada con todos os operadores de iniciativa social. 


“En definitiva, neste ano 2015 estamos investindo 70 millóns de euros, o que supón un 17,7 por cento máis que no ano 2014”, destacou o mandatario galego, referíndose á partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social.