Anuncia la Consellería de Traballo que reforzará los mecanismos de inspección en defensa de la legalidad

TRABALLO AVOGA POR REFORZAR OS MECANISMOS DE INSPECCIÓN COMO GARANTÍA PARA PROTEXER AOS CIDADÁNS QUE CUMPREN A LEGALIDADE 
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu a xuntanza da comisión de seguimento do acordo existente entre a Inspección de Traballo e Seguridade Social de España e a Autoridade para as Condicións do Traballo de Portugal para o intercambio de información e cooperación
  • O protocolo recolle seis ámbitos de actuación prioritarios e seis compromisos esenciais relacionados coa seguridade e saúde no traballo, o permiso de traballo de cidadáns extracomunitarios ou intercambio de información sobre os fluxos de traballadores, entre outros
  • En Galicia continúase a apostar polo reforzo da actividade inspectora e, en total, para 2015 hai previstas 37.547 ordes de servizo, un 0,5% máis que en 2014
  • Estas ordes están estruturadas en catro áreas: dúas de competencia autonómica (a prevención de riscos laborais e o emprego e as relacións laborais) e dúas de competencia estatal (a seguridade social e a economía irregular)
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe a “gran importancia” que o departamento autonómico outorga á inspección de traballo “porque incide directamente na calidade de vida dos traballadores e traballadoras e das súas familias”.

Beatriz Mato presidiu a décima xuntanza da comisión de seguimento do acordo asinado en 2003 entre a Inspección de Traballo e Seguridade Social de España e a Autoridade para as Condicións do Traballo de Portugal para o intercambio de información e cooperación. 

O encontro tivo lugar en Santiago e, na súa intervención, avogou por reforzar os mecanismos de inspección e velar por que se desenvolvan da mellor maneira posible desde un punto de vista positivo de protexer aos cidadáns e a aqueles que cumpren estritamente a legalidade. 

Neste sentido, a titular de Traballo explicou que “están en xogo materias tan importantes como a saúde e a seguridade laboral; as condicións de traballo ou as cotizacións á Seguridade Social”, así como que “debemos defender o principio básico de igualdade, combatendo a competencia desleal que supón a economía sumerxida”. 

Mato engadiu que en Galicia continúase a apostar polo reforzo da actividade inspectora. En total, para 2015 hai previstas 37.547 ordes de servizo, un 0,5% máis que en 2014. Estas ordes están estruturadas en catro áreas: dúas de competencia autonómica (a prevención de riscos laborais e o emprego e as relacións laborais) e dúas de competencia estatal (a seguridade social e a economía irregular).

A conselleira valorou que a colaboración entre administracións “é absolutamente fundamental para acadar a máxima eficacia e eficiencia da actividade inspectora” e, nese sentido, destacou a vixencia e a relevancia do acordo que asinaron España e Portugal en 2003, do seu desenvolvemento e do seguemento que hoxe está a realizar esta Comisión.

O acordo recolle seis ámbitos de actuación prioritarios e seis compromisos esenciais: seguridade e saúde no traballo, para intercambiar información en materia de prevención de riscos laborais respecto ás empresas do país veciño que operen en territorio propio; accidentes de traballo, para informar a autoridade inspectora do país veciño do resultado da investigación de accidentes que afecten a traballadores de empresas de dito país, así como das medidas adoptadas como consecuencia deles.

En terceiro lugar, aborda o permiso de traballo de cidadáns extracomunitarios, que recolle o compromiso de solucionar as diverxencias atopadas nas respectivas lexislacións con respecto á esixencia dun permiso de traballo dos cidadáns extracomunitarios contratados por empresas de Portugal; ou as actuacións comprobatorias previas e procedemento sancionador con empresas domiciliadas no país veciño, co obxectivo de colaborar coa autoridade inspectora no caso de que houbese dificultades de localización da sede social dunha empresa ou da identificación do representante legal.

En quinto lugar, o convenio recolle o intercambio de información sobre os fluxos de traballadores que se desprazan para unha prestación de servizos transnacional, que acuden diariamente ao outro lado da fronteira, e que se trasladan por un período de dous ou tres meses no sector agrícola. Por último, o sexto compromiso supón a cooperación e asistencia derivada da directiva europea sobre desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacional, que pretende levar a cabo un control e intercambio recíproco de información sobre as empresas con desprazamentos transnacionais de traballadores, así como a identidade de ditos traballadores.