AS DESCARGAS DE PEIXE FRESCO NOS PEIRAOS GALEGOS INCREMENTÁRONSE NUN 15,75% NOS PRIMEIROS CATRO MESES DO ANO

  • Os peiraos de Ribeira, Burela e Portosín lideran o ranking de descargas de peixe fresco e Malpica rexistra porcentualmente a maior suba cun 369% respecto do mesmo período de 2014 
  • As mercadorías principais cargadas e descargadas nos peiraos comerciais sofren unha pequena baixada no de Ribadeo, coa pasta de papel, mentres que en Cee aumentan nun 170% as de coque
As descargas de peixe fresco, nos peiraos de titularidade autonómica, rexistraron un incremento interanual do 15,75% nos primeiros catro meses deste ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de abril, as descargas de peixe fresco situáronse en 35.796 toneladas, o que supuxo un valor en primeira venda de máis de 73 millóns de euros. 

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Ribeira, con 9,8 millóns de quilos acumulados nos catro primeiros meses de ano; Burela, cun pouco máis de 9 millóns de quilos; Portosín, con máis de 2,8 millóns de quilos e, finalmente, Malpica con 1,6 millón de quilos. Cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Malpica, que foi o que rexistrou porcentualmente a maior suba respecto ao acumulado no mesmo período de 2014, cun 369,37% máis que no anterior exercicio. 

En canto ás mercadorías principais, pola súa natureza, cargadas e descargadas nos peiraos comerciais dicir que, por unha banda, sofre unha pequena baixada o de Ribadeo coa pasta de papel, pero no de Cee aumentan nun 170% as descargas de coque. 

En canto á facturación do mes de abril no ente público Portos de Galicia produciuse un incremento do 19,88% con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que significa un aumento considerable sobre todo nas tarifas X-5 e Taxa CIS. Tamén se contempla un pequeno descenso interanual de preto dun 1%.