26/5/15

Avanza la ley de financiación de los partidos políticos en Galicia

A XUNTA DESTACA QUE A LEI DE FINANCIAMENTO DOS PARTIDOS POLÍTICOS XURDE EN CONSONANCIA COAS DEMANDAS CIDADÁS 
  • Rueda salienta durante o debate de totalidade do proxecto de Lei no Parlamento que a norma complementa e vai máis alá do disposto pola lei estatal 
  • O proxecto establece un cambio profundo no modelo de financiamento dos partidos galegos e introduce novas esixencias e mecanismos de control
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no Parlamento no debate de totalidade do proxecto de Lei de Financiamento de Partidos Políticos, da que destacou que vai en consonancia coas demandas cidadás e cos posicionamentos públicos das diferentes forzas políticas.

Rueda resaltou varios aspectos novidosos do texto galego, como a esixencia  de que todos os fondos destinados a sufragar gastos electorais entren como ingreso directo e a obriga de que tanto as entidades financeiras que concedan crédito aos partidos como as empresas que sexan contratadas para gastos electorais deban responder ante o organismo controlador, neste caso o Consello de Contas. Este último mandato de transparencia xa o viña aplicando a LOREG aos procesos electorais xerais e municipais, pero agora aplícase por primeira vez ás eleccións galegas.

Doutra banda, o texto fai tamén unha regulación moi concreta do réxime das fundacións e asociacións vinculadas aos partidos políticos galegos. Así, establece o control por parte do Consello de Contas do uso que estas fundacións fagan daquelas subvencións que perciban por parte do sector público autonómico e precisa de xeito moi claro que os partidos tampouco poden recibir doazóns das súas propias fundacións e asociacións vinculadas.

Así mesmo, introduce un réxime de incompatibilidades para a designación de administradores das candidaturas, que non existe na lei básica. Esta medida, que foi proposta polo Consello Consultivo, prohibe que unha persoa condenada por un delito electoral poida estar á fronte da xestión dos fondos electorais dunha determinada formación política.
Novas esixencias de control
O vicepresidente insistiu en que o proxecto de lei establece un cambio profundo no modelo de financiamento dos partidos políticos en Galicia e introduce novas esixencias e mecanismos de control, complementarios aos establecidos pola reforma da lei básica de financiamento de partidos aprobada polo Goberno do Estado hai a penas uns meses.

Entre as principais medidas impulsadas por esta norma están a prohibición total das doazóns de persoas xurídicas e das condonacións de débeda por parte das entidades de crédito; a limitación das doazóns de persoas físicas a 50.000 euros anuais, fronte aos 100.000 que se contemplaban ata o de agora; e a transparencia e publicación de todas aquelas doazóns que superen os 25.000 euros.

Rueda fixo un chamamento ao consenso e ao espírito construtivo para poder sacar adiante un texto legal que, segundo valorou, dará unha “boa oportunidade de consolidar un corpus normativo sobre esixencia e control das finanzas dos partidos que non existía ata o de agora nin en España nin en Galicia”.