28/5/15

Bueu, palco de actos de solidaridad con Palestina

O pesqueiro ‘Marianne de Gothengurg’, o primeiro barco da Terceira Flotilla da Liberdade que navega rumbo a Gaza partiu onte dende Brest e ten prevista a chegada a Bueu o vindeiro sábado pola mañá. O pesqueiro, que saíu o pasado 11 de maio desde Suecia fixo parada en distintos portos de países escandinavos, Alemaña e Francia, e unirase aos restantes barcos da Flotilla da Liberdade para intentar romper o bloqueo inhumano e ilegal que sofren os 1.7 millóns de palestinos residentes na Franxa de Gaza.
Na vila buenense está prevista unha Gala Artística en Apoio á Flotilla da Liberdade, que se celebrará na Praza Massó o domingo 31. En concreto, ás 13 horas actuará o paiaso Peter Punk, e a partires das 20 horas ‘Uxía+Narf’,  Banda de Gaitas Manxadoira, Isabel Risco ‘Nabiza Girl’, Najla Shami, Pandeiromus, Lucía Novas e Circo Chosco. 
Esta protesta está sendo levada a cabo da man da iniciativa Rumbo a Gaza, e conta co apoio do Concello de Bueu, entre outros colectivos.
As peticións do colectivo Rumbo a Gaza, creada no 2009, inclúen: "a fin do bloqueo ilegal imposto á Franxa de Gaza desde o 2006, a fin da ocupación do Territorio Palestino, que se prolonga xa desde o 1967, unha solución para a poboación actualmente refuxiada e que foi expulsada en 1948, que a potencia ocupante sexa a responsable xurídica e economicamente dos ataques infrinxidos á poboación ocupada que está ao seu cargo, e o respecto aos principios democráticos e aos dereitos humanos".