31/5/15

GALICIA CONTA CO DISPOSITIVO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS MÁIS POTENTE DE TODA ESPAÑA

 A Comunidade galega ten que soportar a presión incendiaria durante todo o ano, polo que o seu dispositivo de loita contra incendios ten persoal de 12, 9 e 3 meses 
  • Non é certo que as bases de helicópteros con medios propios estean inoperativas, posto que foron as primeiras en seren despregadas e, polo tanto, as primeiras en ser repregadas conforme se recolle no Pladiga que se debe facer na época de precampaña na que nos atopamos
  • Pladiga recolle o protocolo e a organización do SPDIF ao longo de todo o ano, polo que o vixente despregue cobre perfectamente a situación actual
 A Comunidade de Galicia conta co dispositivo de prevención e loita contra incendios forestais máis potente de toda España, tendo en conta especialmente que ningunha outra comunidade ten que soportar a presión incendiaria existente aquí. Actualmente están despregados os medios da campaña de risco medio, correspondentes a este momento o ano, pero debido ás actuais e extraordinarias condicións meteorolóxicas -calor e vento do nordés-, a Consellería do Medio Rural e do Mar decidiu reforzar o dispositivo despregado, alertando da necesidade de extremar as precaucións.

Esta situación extraordinaria non supón nin debe supoñer o adianto da campaña de alto risco, establecida desde o 1 de xullo ao 30 de setembro, posto que os medios que traballan actualmente cobren a totalidade da Comunidade. Como xa se explicou en numerosas ocasións, é unha situación que -a pesar das actuais condicións meteorolóxicas- presenta un risco menor ca no verán, xa que a vexetación aínda está medrando e está moi húmida. Aínda así, é preciso lembrar que o SPDIF está composto por persoal propio da Xunta de 12, 9 e 3 meses e que se reforza con persoal do Goberno central e outras administracións durante a campaña de alto risco ata completar un operativo de máis de 7000 persoas que velan pola salvagarda dos montes da nosa comunidade. O 98% dos cales, cabe lembrar, son de propiedade privada.

No tocante ás bases de helicópteros con brigadas propias, cómpre aclarar que o propio Pladiga establece que deben estar en funcionamento dous meses fóra da tempada de alto risco. Así, e ao igual que os medios humanos, os helicópteros con brigadas de persoal propio son os primeiros en entrar en funcionamento e vanse repregando de forma progresiva para que haxa medios en todo momento. Polo tanto é falso que estes medios propios da Xunta estean inoperativos, posto que foron despregados e repregados exactamente como establece o Pladiga nesta época e atendendo a criterios estritamente técnicos. 


Esta cuestión está planificada no actual Pladiga, o cal recolle o protocolo e a organización do SPDIF ao longo do ano, polo que o vixente cobre perfectamente a situación actual, xa que o que se aproba cada ano son modificacións e actualizacións do anterior. Un protocolo que elabora a Consellería do Medio Rural e do Mar e que pon a disposición de todo o sector no Consello Forestal de Galicia, previo trámite á súa aprobación no Consello da Xunta.