La ampliación de la conservera Jealsa creará 200 puestos de trabajo

A XUNTA IMPULSA A AMPLIACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE JEALSA RIANXEIRA EN BOIRO, QUE SUPORÁN A CREACIÓN DE 200 POSTOS DE TRABALLO
  • O Goberno galego dará o pulo a un investimento por parte da empresa de 20 millóns de euros
  • A industria conserveira supón o 3% do PIB galego e o 6,5% do emprego industrial, segundo recordou Feijóo
  • Esta iniciativa súmase ás tres “declaracións de proxectos empresariais singulares” que se levaron nas últimas semanas ao Consello: dúas no porto seco de Monforte e unha no parque empresarial de Palas de Rei
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,  informou hoxe na rolda de prensa do Consello do avance na aprobación do proxecto sectorial para a ampliación das instalacións de Jealsa Rianxeira en Boiro. Isto suporá un investimento de 20 millóns de euros, creará arredor de 200 postos de traballo e beneficiará non só a poboación do municipio, senón tamén ás vilas adxacentes e á bisbarra do Barbanza.

“Estes 20 millóns vanse investir na construción dunha nova nave robotizada no Porto de Bodión, que sumará 20.000 metros cadrados e estará dotada dun equipamento moderno e innovador”, explicou o presidente. Feijóo dixo tamén que se encadra no plan de crecemento da compañía para os próximos tres anos, que ten o obxectivo de incrementar as súas vendas nun 20% no 2018.

Neste contexto, a infraestrutura permitirá ao grupo empresarial, que emprega a 2.000 traballadores en Galicia, unificar as súas instalacións de almacenaxe “co importante aforro de custos que supón, melloras de xestión e, polo tanto, de competitividade”.

O titular da Xunta afirmou que con este proxecto dáse un novo paso no impulso do sector conserveiro da Comunidade, que supón o 3% do PIB de Galicia e o 6,5% do emprego industrial. Este sector ten no grupo Jealsa un dos seus referentes, con presenza tanto na bisbarra do Barbanza como noutros mercados internacionais como Italia, Portugal, Marrocos, EUA ou Brasil.

Nesta liña, Feijóo lembrou que o grupo Jealsa se beneficiou do programa Innterconecta de cara a automatización dos seus procesos de produción, e está a participar, xunto a Anfaco-Cecopesca, nunha Unidade Mixta de Investigación que procura avanzar cara á fábrica conserveira do futuro.


Segundo recordou o presidente, esta iniciativa, apoiada pola Xunta, súmase ás tres “declaracións de proxectos empresariais singulares” que se levaron nas últimas semanas ao Consello: dúas no porto seco de Monforte e unha no parque empresarial no concello de Palas de Rei.