25/5/15

PP : Rueda reconoce errores y habla de la necesidad de hacer autocrítica

O secretario xeral do PPdeG compareceu en rolda de prensa para valorar os resultados das eleccións municipais en Galicia

Rueda insta ao PPdeG a facer autocrítica e “a asumir os erros que levaron a perder apoio”
  • Asegura que os populares non se van escudar en ser a forza máis votada en Galicia
  • Lembra que as Mareas son coalicións electorais abocadas a formar coalicións de Goberno e agarda sexan capaces de dar a estabilidade que a política municipal require
 O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, afirmou hoxe que é necesario facer autocrítica dun xeito planificado e analizando os resultados polo miúdo, asumindo que se produciron faios que levaron ao PPdeG a perder apoio. Así o manifestou na comparecencia en rolda de prensa, ás poucas horas dende o peche parcial do escrutinio, para ofrecer unha segunda valoración trala primeira realizada onte polo presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.

Rueda salientou en primeiro lugar que foi o PPdeG o partido que gaña as eleccións en Galicia con preto de dez puntos de diferenza coa segunda forza, o PSOE, e 23 puntos coa terceira, o BNG. Malia que tamén asegura que iso non quere dicir que tiveran un bo resultado posto que baixaron notablemente na  porcentaxe de voto e tamén perderon capacidade de formar gobernos en un elevado número de municipios. Aínda así, recorda que gobernando no Estado, na Xunta, no 75% das deputacións e no 66% dos concellos, era o Partido Popular a forza política máis exposta ao desgaste que supón a xestión e a defensa dos intereses públicos.

O secretario xeral tamén recoñeceu que os populares teñen un mal resultado no entorno urbano xa que, sen contar Vigo, onde estiveron lonxe de lograr os obxectivos marcados, nas outras seis cidades perderon un número similar de concelleiros que os socialistas. 

Do mesmo xeito, Rueda destacou que o PPdeG é primeira forza nas catro provincias, a que terá maior número de actas nas Deputacións provinciais –a pesar de perder Coruña e Pontevedra- e que gobernará aproximadamente a metade dos concellos de Galicia tendo 144 maiorías absolutas e 55 relativas. Así mesmo informou de que o partido resiste máis en Galicia, xa que fronte a baixada de 9,1 puntos na Comunidade a baixada estatal chega aos 10,51, algo que, segundo Rueda, “Galicia aguanta mellor”.

No tocante ao PSOE, Rueda destacou que mentres antes gañaba e gobernaba en cidades como A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense, hoxe posicionanse como a terceira forza desas cidades. Con respecto a Lugo dixo que perde as eleccións e perde apoio, igual que en Pontevedra.

Referíndose ao BNG destacou que máis alá de onde fixo de muleta do PSOE, practicamente desaparece como pasou en Ourense e en Vigo. Si é a Primeira forza en Pontevedra pero cuarta forza en Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo; ao tempo que analizou os resultados de Cidadáns que, finalmente, entraron nas corporacións de tres cidades, un resultado peor do que os seus dirixentes esperaban. 

Por último, finalizou a súa comparecencia referíndose ao papel das Mareas que gobernarán a capital de Galicia como forza máis votada e que aínda queda por aclarar se tamén na Coruña e Ferrol. Segundo Rueda, aínda  que son os grandes canalizadores do desgaste que tivo a marca PP nestas eleccións, trátase de coalicións electorais abocadas a formar coalicións de Goberno, feito polo que agarda sexan capaces de dar a estabilidade que a política municipal require.