Una semana de actividades y actos para celebrar el Día Mundial del Medio Ambiente

O lema deste ano é Sete millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación 

A XUNTA CELEBRA O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE CON DISTINTAS ACTIVIDADES E ACTOS DURANTE TODA A SEMANA 
  • O obxectivo é poñer en valor o patrimonio natural e ambiental da Comunidade galega e concienciar o conxunto da sociedade da necesidade coidar e protexer o medio ambiente
  • Destaca a posta en marcha, o luns, dos itinerarios das ‘Árbores con historia’, que propoñen rutas para coñecer diferentes árbores ou formacións senlleiras
  • O venres, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, terá lugar o primeiro Congreso de Escolas en Acción, unha actividade coa que se pretende divulgar e visibilizar na sociedade a importancia da conservación dos espazos naturais e a importancia da sostiblidade no uso dos recursos
 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño, con actos e actividades que se celebrarán ao longo de toda a semana en diferentes puntos da xeografía galega, co fin de poñer en valor o patrimonio natural e ambiental da Comunidade.

A primeira das actividades será a presentación de Arbores con historia, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de poñer en valor as árbores e formacións senlleiras da comunidade, incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.  Con esa fin creáronse unha serie de rutas entre os diversos elementos senlleiros, un proxecto pioneiro na Comunidade galega. Este luns no Pazo de Oca, no Concello da Estrada, darase a coñecer a primeira destas rutas que se pon en marcha en Galicia, e que ten nos xardíns do Pazo de Oca unha gran variedade de exemplares representativos de Arbores con historia.

O martes a illa de Ons será o escenario para celebrar o Medio Ambiente,  onde se van supervisar diferentes actuacións que está a promover a Consellería nesta illa que  pertence ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, que beneficia aos concellos de Vigo, Ribeira, Bueu, e Vilagarcía de Arousa e conta cunha superficie de 8.332,80 hectáreas (1.194,80 ha terrestres e 7.138 ha mariñas). 

O mércores celebrarase o Comité de Dirección da Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés, no que se abordará o Plan de Acción para o período 2015-2020. O plan prioriza as actuacións de carácter transfronteirizo e de cooperación entre as dúas rexións. Grazas a este documento, cuxo horizonte temporal é ata o ano 2020, realizarase un investimento global de 2,6 millóns de euros.

Na seguinte xornada, representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas visitarán o parque natural de Corrubedo, acompañados por membros da asociación ecoloxista Adega. O Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán foi declarado no 1992 e ocupa unha superficie de 996,25 ha no municipio de Ribeira. Destaca pola súa gran duna móbil, a duna de Olveira, polas súas lagoas, a de Carregal, de auga salgada e a de Vixán, de auga doce, e tamén pola súa praia, franxa costeira con catro denominacións: Ladeira-Ferreira (1.350 metros), A lagoa (2.900 m), O Vilar (220 m) e Anquieiro (750 m).

Para o venres día 5, Día Mundial do Medio Ambiente, a Consellería de Medio Ambiente organizou o primeiro Congreso de Escolas en Acción, unha actividade coa que se pretende divulgar e visibilizar na sociedade a importancia da conservación dos espazos naturais e a importancia da sostiblidade no uso dos recursos.

Este programa -dirixido a centros de primaria e primeiro e segundo curso de secundaria de Galicia- está concibido como unha ferramenta de investigación e divulgación dos valores naturais e da correcta xestión da Rede Natura 2000, desde a óptica e a creación das mensaxes que os nenos destas áreas de influencia realizarán a través dos seus proxectos e investigacións.

Durante o actual curso escolar 2014/2015 preto de 1.000 alumnos de 10 centros escolares da Comunidade galega traballarán na procura de sinerxías de sensibilización na comunidade, a través dos seus proxectos e promover que estes sexan verdadeiros focos da divulgación e innovación, así como axentes de sensibilización na contorna dos espazos Rede Natura 2000.

Día Mundial do Medio Ambiente
Desde 1972 o 5 de xuño de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, que foi establecido pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, Resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972 coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo.

O lema do Día Mundial do Medio Ambiente deste ano é Sete millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación, e se centra na necesidade de respectar a capacidade do planeta e como xestionar os recursos de modo eficiente en todos aqueles aspectos de gran relevancia para asegurar a prosperidade e benestar de todos.

O DMMA de 2015 celébrase de forma oficial en Italia, que ao igual que Galicia aposta por un mellor sistema alimentario e uso dos recursos, desenvolvendo modelos de consumo e produción sostible. Para incidir nesta liña de acción organizouse unha exposición universal que atenderá máis de 20 millóns de visitantes ata o 31 de outubro na cidade de Milán.


Para acceder a máis información sobre esta conmemoración poden consultar o seguinte enlace: http://www.unep.org/spanish/wed/news/wed-2015-to-take-centre-stage-at-milan-expo.asp#sthash.0Z7kS1K1.dpuf