A XUNTA ANUNCIA A INTEGRACIÓN DA FUNDACIÓN GAIÁS NA FUNDACIÓN CIDADE DA CULTURA PARA ACADAR UN MODELO DE XESTIÓN MÁIS EFICIENTE, ÁXIL E MENOS CUSTOSO

  • O padroado da Fundación Gaiás acordou por unanimidade a  disolución desta institución privada. As empresas que formaban parte deste padroado, dispostas a incorporarse á Fundación Cidade da Cultura de Galicia
  • Co capital da Fundación Gaiás constituirase un fondo xestionado pola Fundación Cidade da Cultura e dedicado íntegramente ao financiamento do programa cultural do Gaiás
  • A decisión permitirá suprimir duplicidades, simplificar o modelo de xestión e adecuarse á realidade da Gaiás, tras a decisión de non construír os dous edificios pendentes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a decisión conxunta da Fundación Gaiás e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia de pór fin a un modelo baseado en dúas fundacións e apostar por unha única (a Fundación Cidade da Cultura). A solución consensuada entre a Xunta e os patronos privados permitirá unha xestión más eficiente, menos custosa e que seguirá a garantir o compromiso económico estable por parte destas empresas coa Cidade da Cultura.

O primeiro paso para levar a cabo esta integración adoptouse esta mañá coa aprobación por unanimidade de todos os membros do padroado da Fundación Gaiás da disolución desta institución privada. A reunión do padroado estivo presidida por Miguel Ángel Escotet, director de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente da Fundación Gaiás, e contou con asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, vicepresidente primeiro da fundación; e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, vicepresidente segundo.

Para materializar esta integración, as empresas que formaban parte da Fundación Gaiás solicitarán agora a súa incorporación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que adoptará as disposicións necesarias para darlles entrada. Estas empresas terán representación no padroado a través dun sistema de turnos: cada dous anos, tres delas estarán presentes neste órgano.

Continuidade do apoio económico
O capital xestionado ata agora pola Fundación Gaiás, procedente das aportacións iniciais das empresas e da Xunta de Galicia no momento da súa constitución, será transferido a un fondo  que levará o nome de ‘Fondo Gaiás’ e que será responsabilidade da  Fundación Cidade da Cultura. O seu uso será exclusivamente o financiamento das actividades culturais que se organicen no Gaiás. Deste xeito, a Fundación Cidade da Cultura recibirá cada ano unha transferencia para este fin procedente deste fondo. 

A decisión permitirá suprimir duplicidades, simplificar o modelo de xestión e garantir unha vía estable de financiamento baseada no capital privado. Do mesmo, supón unha adecuación á realidade actual -diferente ao momento no que se constituíu a Fundación Gaiás- xa que, por exemplo, un dos fins da Fundación Gaiás era precisamente a explotación do Teatro da Música, un dos dous edificios que non se construirán.


Ao garantir coa constitución do Fondo Gaiás unha vía de financiamento estable para o programa cultural da Cidade da Cultura, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanza na consolidación do Gaiás como un espazo e unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento do sector e das industrias culturais galegas.