20/6/15

A XUNTA RENOVA O PORTAL EIDOLOCAL CON MAÍS SERVIZOS ONLINE PARA OS CONCELLOS, UNHA NAVEGACIÓN MÁIS SINXELA E ESPAZOS PERSOALIZADOS PARA OS USUARIOS

 A web de referencia para as relacións entre os municipios e a Xunta emprega xa ao dominio “.gal”

A XUNTA RENOVA O PORTAL EIDOLOCAL CON MAÍS SERVIZOS ONLINE PARA OS CONCELLOS, UNHA NAVEGACIÓN MÁIS SINXELA E ESPAZOS PERSOALIZADOS PARA OS USUARIOS
  • Incorpora novas funcionalidades como a sinatura electrónica de documentos, o envío de documentación, ou a xestión en liña de provisión de postos
  • Eidolocal é a porta de entrada dos concellos aos servizos dixitais que está a desenvolver a Xunta para impulsar a administración electrónica compartido recursos e infraestruturas
  • No último ano puxéronse á disposición das entidades locais a plataforma de licitación electrónica LEAL, o sistema de Rexistro Único e a plataforma de Interoperabilidade PasaXe!
  • Unha das medidas previstas no novo Plan Goberno Dixital 2020 é a creación dun catálogo de servizos públicos compartidos que incrementará a oferta actual
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, vén de lanzar unha versión do portal Eidolocal, que prima a usabilidade e accesibilidade, simplifica a navegación e incrementa e mellora os servizos para as entidades locais e os usuarios.  Ademais a web, cumprindo co Decreto sobre a presenza da Xunta en Internet aprobado en maio, emprega xa o dominio .gal. 

A evolución desta canle de comunicación permanente entre a Xunta e os concellos galegos enmárcase nas medidas de impulso dos servizos dixitais que vén desenvolvendo a Administración autonómica desde 2010, e que este ano que inician una nova etapa coa posta en marcha do Plan de Administración e Goberno Dixital 2015 -2020.

Novos servizos
Un dos novos servizos que incorpora o portal é a "Sala de Sinaturas Virtual", que posibilita a revisión e sinatura electrónica en liña por parte dunha entidade local de determinado tipo de documentos emitidos pola Xunta como, por exemplo, os convenios.

Eidolocal.gal ofrece tamén un novo servizo para os Funcionarios de Habilitación Nacional, que recompila de xeito ordenado a información sobre os concursos e procesos selectivos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocados anualmente (inscricións, convocatoria, cualificacións...) e permite a xestión en liña da provisión de postos.

Entre os servizos renovados está o de "Envíos á Xunta", concibido como un buzón dende o que a entidade local poderá enviar documentación a determinadas unidades da Xunta. Permite a xestión completa dun envío incluíndo a posibilidade de subsanación.

Tamén se reformulou o Catálogo de "Servizos", que recolle a información máis relevante de cada un dos servizos de administración electrónica que a Xunta ofrece aos concellos a través do portal. 

Novos espazos
En canto aos espazos de nova creación, unha das principais novidades é "Meu Eido",  un escritorio  que pode configurar o propio usuario e que lle permite centralizar súa actividade dentro do portal, agrupar os accesos directos a contidos e servizos de uso habitual e dispor dun taboleiro de avisos. 

Eidolocal.gal conta ademais cun novo espazo de ofertas laborais con información das ofertas de emprego público convocadas polas entidades locais. Para difundir e informar das actuacións impulsadas pola Xunta para ás administracións locais habilitouse a sección “Iniciativas”.

Compartir recursos 
Eido local, unha iniciativa financiada con Fondos Feder, é a porta de entrada das entidades locais aos servizos dixitais que está a desenvolver a Xunta para implantar a eAdministración, baixo un criterio de compartición de recursos e infraestruturas que eviten duplicar esforzos e investimentos. 

Unha das medidas previstas no novo Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 é a creación dun catálogo de servizos públicos compartidos con outras entidades públicas, sumando aos xa existentes ( a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, a plataforma de licitación electrónica LEAL, o sistema de Rexistro Único ...) outros novos como o sistema de notificacións electrónicas.