25/6/15

ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR TRABALLOS AOS PREMIOS GALEGOS DO SOCIAL MEDIA #MEXILONSETUITS2015

Ata o 9 de agosto pódense presentar as candidaturas a algunha das oito categorías a concurso

Cangas acollerá o vindeiro 24 de outubro a cuarta edición deste festival da batea 2.0


Co fin de mostrar exemplos e seren inspiración para o tecido empresarial galego e para o conxunto da sociedade en xeral sobre o uso e pontencial das novas tecnoloxías, os Premios Galegos do Social Media celebran este ano a súa cuarta edición. A cita coa batea 2.0 será o vindeiro 24 de outubro en Cangas co Festival #MexilOneTuits 2015, a festa das redes sociais do Morrazo. 

O prazo para presentar traballos nunha ou varias das oito categorías a concurso xa está aberto desde esta semana e ata o vindeiro 9 de agosto.  Os interesados, que deberán ser persoas físicas nadas ou residentes en Galicia ou empresas radicadas na comunidade, xa poden entrar na web www.mexilonsetuits.com, cubrir un formulario de rexistro cos seus datos persoais, explicación do traballo e categoría a concurso así como os enlaces precisos para visualizalo. 

Cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos por categoría.  Será traballo da organización valorar a calidade e a adecuación do traballo presentado a concurso. Se o proxecto é admitido a concurso, será logo traballo dun xurado profesional composto por persoeiros de recoñecido prestixio no eido da comunicación e das redes sociais determinar quen se alza cos MexilOnseTuits deste ano, decisión na que terán en conta cuestións cualitativas coma estratexia, creatividade ou innovación, e cuantitativas como o grao de interacción, incremento de vendas, etc.

Dos blogs ao movemento social
Os traballos admitidos a concurso deberán estar realizados entre xullo 2014 e xuño 2015 e poderán participar nalgunha destas oito categorías: Mellor Blog de Moda; Mellor Blog Informativo/Cultural; Mellor Blog Turístico; Mellor Blog Gastronómico; Mellor Movemento Social; Mellor Campaña Comercial,  Mellor Video Viral e Mellor E-commerce. Tamén se fará entrega dunha mención especial a un proxecto ou persoa que a organización considere merecedor da distinción.

MexilOnseTuits e os seus Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais é un proxecto colectivo e ilusionante no que participa como entidade organiadora a Federación de Comrciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), promovendo o uso das novas tecnoloxías no eido das pequenas e medianas empresas. Nado cun espírito de colaboración, nel teñen cabida empresas e entidades da comarca do Morrazo que, baixo a temática das novas tecnoloxías e os medios de comunicación social, tenta tamén poñer en valor e dar a coñecer esta fermosa península no seu conxunto (gastronomía, patrimonio, natureza…). O festival quere, ademais, ser tamén un punto de encontro para o networking, onde as empresas, emprendedores e particulares poidan compartir  ideas e establecer sinerxías para futuros proxectos.