12/6/15

Aprobado el plan de lucha contra incendios del 2015 en Galicia : moviliza 7.000 personas

A XUNTA APROBA O PLAN DE INCENDIOS 2015 CO OBXECTIVO DE EVITAR O MÁXIMO NÚMERO POSIBLE DE LUMES E REDUCIR AO MÁXIMO OS DANOS QUE POIDAN PRODUCIR
  • O dispositivo de vixilancia e prevención estará formado por 7.000 persoas, das cales 5.767 estarán directamente contratadas pola Xunta
  • No apartado material, contarase con 32 medios aéreos e 360 motobombas
  • O novo Pladiga adáptase ao Plan especial de Protección Civil aprobado polo Goberno, polo que se establecen catro situacións de emerxencia
  • Feijóo fixo fincapé na importancia da concienciación: “sermos conscientes de que están a queimar Galicia, de que están a queimar o noso presente e o noso futuro”
  • Durante este curso, máis de 11.000 estudantes de primaria e secundaria asistiron a charlas impartidas por profesionais, e 600 alumnos tiveron a oportunidade de participar nos programas ‘O monte vivo’ e ‘Montentérate’
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace definitivo ao Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) do ano 2015, que ten como obxectivo “evitar o máximo número posible de lumes e reducir ao máximo os danos ocasionados polos que se poidan producir”, segundo explicou o presidente, Alberto Núñez Feijóo. Este plan xa foi presentado no seu día pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, ao Consello Forestal.

“Mantemos o dispositivo de vixilancia e extinción do ano pasado —detallou Feijóo—, formado por 7.000 efectivos”. Deles, 5.767 persoas estarán directamente contratadas pola Xunta, ás que se suma o persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Respecto dos medios materiais, o dispositivo antiincendios contará con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado; e 360 motobombas da Administración autonómica, os Concellos e os parques de bombeiros adscritos ao plan. 

Este Pladiga 2015 adáptase ao Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais, aprobado polo Goberno, e “redefine as situacións operativas de emerxencia que deben contemplar os plans”, dixo o presidente do Executivo autonómico. De acordo cos plans, os niveis de emerxencia serán catro:
  • A Situación 0 está referida a aqueles incendios que non supoñen perigo para persoas non relacionadas cos labores de extinción, nin para bens non forestais.
  • A Situación 1 é a primeira que permite solicitar a colaboración da UME, ben porque existen moitos lumes nunha zona determinada ou porque o lume é perigoso e pode afectar a bens forestais e, de forma leve, á poboación.
  • A Situación 2 é aquela na que, pola posible evolución do lume, se precisa a posta en práctica de medidas para a protección das persoas e/ou dos bens non forestais
  • A Situación 3 será cando se rexistren incendios que poidan supoñer situacións de emerxencia de interese nacional e, incluso, ter que seren declarados polo Ministerio do Interior.
Sensibilización contra o lume
O presidente da Xunta tamén recalcou que o Pladiga afonda “nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal, que é a concienciación: sermos conscientes de que están a queimar Galicia, de que están a queimar o noso presente e o noso futuro”. 

Así, a Xunta adquire o compromiso de manter e reforzar os programas de concienciación, especialmente das persoas máis novas. Feijóo subliñou que, este curso, máis de 11.000 estudantes de primaria e secundaria recibiron impartidas polo persoal dos Distritos Forestais, tanto para explicarlles os distintos valores que ten o monte, a nivel económico, social e ambiental como para sensibilizar aos máis pequenos sobre a problemática dos incendios forestais e os seus efectos negativos, deixando claro que “os lumes hai que eliminalos e que os lumes son un problema para todos.

De xeito complementario, tamén se desenvolveron programas como ‘O Monte Vivo’ e ‘Montentérate’, no que participaron máis de 600 alumnos. Son actividades formativas, destinadas a fomentar a innovación educativa, que desenvolven de xeito paralelo a educación en valores.

“En definitiva, configuramos o dispositivo contra incendios, que está operativo todo o ano. Hai razóns polas que actuamos en todas as frontes necesarias: prevención; detección, disuasión e investigación; e extinción”, resumiu Feijóo.