AS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL PODEN SOLICITAR AS AXUDAS DA XUNTA QUE ASCENDEN A 5,2 MILLÓNS DE EUROS, UN 40% MÁIS QUE EN 2014

  • A orde de subvencións, que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), está destinada a axudar a manter os distintos centros de inclusión social destes colectivos, así como a promover proxectos de inclusión sociolaboral destinados á persoas en risco de exclusión
  • Reservaranse 2 millóns de euros para albergues, comedores e centros de acollida, o que permitirá garantir de novo a subvención a todos eles sempre que estean autorizados
  • Por primeira vez esta orde será plurianual co fin de facilitar a execución e xustificación das distintas accións, e para responder así á demanda das propias entidades
As axudas da Consellería de Traballo e Benestar destinadas a apoiar ás entidades de iniciativa social poden solicitarse desde hoxe. Esta liña de subvencións conta este ano con 5,2 millóns de euros, un 40 por cento máis que en 2014 e un 62 por cento se se compara con 2013.

Por primeira vez, esta convocatoria, que está parcialmente cofinanciada polo FSE, é plurianual. Este cambio acometeuse para dar resposta precisamente ás demandas das propias entidades. Así, facilítaselles un prazo maior para executar as súas actuacións, polo que poden mellorar cualitativamente e afondar en actividades que precisan dun recorrido amplo, como poden ser os itinerarios de inclusión sociolaboral, por exemplo. Deste xeito, período subvencionable estenderase desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 31 de marzo de 2016.

Comedores e albergues
Ademais, hai que destacar que este ano vólvese garantir que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención, sempre que conten con autorización oficial da Xunta. De feito, do total do orzamento desta orde, reservaranse dous millóns de euros para este fin, un 35 por cento máis que na convocatoria de 2014 (1,5 millóns de euros).

Estas novas medidas únense ás xa incorporadas o pasado ano, como incluír a posibilidade de que as entidades poidan pedir anticipos da subvención para o desenvolvemento das súas actividades de inclusión ou o feito de unir tres liñas de axuda nunha soa convocatoria. En concreto, as antigas ordes de albergues e comedores, programas de inclusión das entidades de iniciativa social, e programas para as persoas inmigrantes. Esta unificación permite unha maior axilidade na tramitación dos expedientes. 

Estas axudas apoiarán a execución de distintas actuacións. En primeiro lugar, aquelas accións dirixidas á cobertura de necesidades básicas, a través de subvencións aos centros de inclusión e emerxencia social (albergues, centros de acollida, comedores sociais...).

Ademais, tamén se investirá, nun 80% con fondos da Unión europea a través do FSE, en proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos (programas de convivencia alternativa, de fomento da cooperación...); e na atención para a inclusión social e acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social (itinerarios de inclusión sociolaboral, apoio á conciliación...) ou para a poboación inmigrante (mellora das competencias, formación lingüística...). 

Exclusión territorial 
Por outra parte, préstase atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, subvencionando actuacións en territorios que padezan exclusión territorial severa por causa da dispersión, perda de poboación e/ou dificultades de comunicación.

Por último, cabe destacar que, dentro das accións subvencionables, darase especial relevancia aos procesos vinculados á inclusión social activa, en consonancia co que se recolle na Estratexia para a Inclusión de Galicia 2014-2020, que conta con máis de 300 medidas e un orzamento global de 521 millóns de euros.


Esta orde de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza cada ano. A partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social conta neste exercicio cuns 70 millóns de euros, un 17,7 por cento máis que en 2014.