15/6/15

Caballero designa a Carmela Silva e David Regades como primeira e segundo tenente de alcalde de Vigo

Primera reunión del Gobierno Municipal de Vigo 2015-2019
O alcalde de Vigo asinou este luns o decreto de composición das áreas do goberno que preside, con Carmela Silva como primeira tenente de alcalde e David Regades, segundo tenente de alcalde. Entre os novos edís, María Xosé Caride será responsable de Urbanismo, Jaime Aneiros levará Facenda e Uxía Blanco, Igualdade, Normalización e Xuventude.
 Abel Caballero informou este luns da composición do goberno de Vigo que preside, no que continúan todos os edís do anterior mandato e se incorporan seis novos concelleiros e concelleiras. Segundo detallou o rexedor, Carmela Silva seguirá como primeira tenente de alcalde e responsable de Cascos Históricos e Patrimonio Histórico, mentres que David Regades continuará á fronte de Fomento e Contratación e suma Limpeza, ademais de ser nomeado segundo tenente de alcalde. Carlos Font levará Seguridade e foi designado voceiro do grupo municipal. Javier Pardo será concelleiro de Xestión Municipal, Persoal e Patrimonio, tal e como afirmou Abel Caballero; María Xosé Caride toma Urbanismo, Isaura Abelairas conserva Política Social, mentres que Uxía Blanco asumirá as áreas de Igualdade, Normalización Lingüística e Xuventude. Jaime Aneiros encargarase de Facenda e Orzamentos, Olga Alonso continúa en Educación, así como Manel Fernández no departamento de deportes e Cayetano Rodríguez en Cultura. Ana Laura Iglesias será responsable de Festas e Turismo, e Ángel Rivas, de Parques e Xardíns, Comercio, Distritos e Participación Cidadá. Por último, Abel Caballero apuntou que Santos Héctor Rodríguez dirixirá Economía, Voluntariado e Relación con Sindicatos, Chus Lago continuará á fronte de Medioambiente e Vida Saudable, e Ángeles Marra asume Transporte e Proxectos Europeos e Estatais.
 O alcalde de Vigo tamén avanzou que, entre os concelleiros e concelleiras que conforman o goberno local, serán propostos os nomes de Carmela Silva, David Regades, Ángel Rivas, Isaura Abelairas e Santos Héctor Rodríguez para ser deputados e deputadas provinciais, o que terá que ser ratificado polos órganos de dirección do partido competentes.