25/6/15

ECONOMÍA E INDUSTRIA CONVOCA AS AXUDAS PARA A RENOVACIÓN DE FIESTRAS E CALDEIRAS DE ALTA EFICIENCIA ENERXÉTICA

  • O Diario Oficial de Galicia publica mañá dúas ordes encamiñadas a diminuír o gasto en enerxía das familias galegas, que representa máis do 14% do consumo enerxético de Galicia  
  • Promóvese a instalación de caldeiras de gas natural, GLP ou biomasa nas cidades galegas, con apoios de ata o 40% do custo do proxecto
  • Facilítase a renovación de fiestras con axudas de ata o 25% acadando melloras significativas na calidade da construción co conseguinte aforro económico
  • Os dous programas, enmarcados no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas vivendas galegas, suman 2 millóns que mobilizarán 7 millóns en 1.000 proxectos 
A eficiencia enerxética e o impulso das fontes renovables configúranse como dous dos piares básicos de actuación na política enerxética do Goberno galego. Neste contexto, a Consellería de Economía e Industria convoca mañá as axudas para a renovación de fiestras e caldeiras de alta eficiencia enerxética mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas actuacións aspiran a diminuír o gasto en enerxía das familias galegas, que representa máis do 14% do consumo enerxético da Comunidade. 

Os particulares que queiran beneficiarse dos apoios terán que poñerse en contacto con algunha das entidades colaboradoras, que disporán a partir de mañá de 25 días hábiles para adherirse aos programas na páxina entidadescolaboradoras.xunta.es. O listado destas entidades poderá consultarse, ao remate do mencionado prazo, na web da consellería –economiaeindustria.xunta.es-. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de outubro.   

No que respecta á orde para a renovación de fiestras, esta ten como obxectivo a substitución dunha fiestra xa existente por outra de igual ou de inferior tamaño, de cara a incentivar a súa rehabilitación, acadando melloras significativas na calidade da construción co conseguinte aforro en termos económicos. A contía máxima por vivenda unifamiliar é de 100 euros por metro cadrado de oco co límite de 3.000 euros. Nas comunidades de propietarios ou edificios de vivendas a contía será de 3.000 euros cun máximo de 50.000 euros. En calquera dos dous casos, a cantidade da subvención non superará o 25% do custe total da obra. 

En canto ás caldeiras de alta eficiencia enerxética, promóvese a implantación de equipos de gas natural ou GLP, así como de novas caldeiras de biomasa, en vivendas unifamiliares e comunidades de veciños de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Os apoios, neste caso, chegan ata o 30% do investimento, elevándose ata o 40% se a caldeira que se prevé substituír é de gasoil. 

Ambos programas, enmarcados no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas Galegas, suman 2 millóns de euros que mobilizarán 7 millóns en 1.000 proxectos, contribuíndo a mellorar as pautas de consumo e contribuír e contribuír á diminución da factura enerxética das familias. Este Plan comprende dúas áreas de actuación promovendo o uso de fontes renovables e impulsando infraestruturas máis eficientes, que é o que se pretende acadar coa posta en marcha destas axudas.