15/6/15

Feijóo anuncia una nueva bajada de impuestos que afectará a los inmuebles urbanos

O titular da Xunta presidiu o III Foro Peme Galicia ‘Realidades e Retos das Pemes’ e participou na entrega dos Premios Mi Negocio 2015

FEIJÓO RATIFICA A APOSTA DA XUNTA POR SEGUIR BAIXANDO IMPOSTOS E ANUNCIA UNHA NOVA REDUCIÓN DOS VALORES MEDIOS QUE GRAVAN OS BENS INMOBLES URBANOS 
  • Esta decisión, que aprobará o Consello da Xunta esta semana, suporá unha nova redución dos impostos sobre os bens inmobles, tanto intervivos como mortis causa
  • Feijóo insiste en que a baixada de impostos é a liña que seguiu neste últimos anos e seguirá o Goberno galego e subliña que “a economía se está poñendo en situación de que poidamos facer revisións da nosa política fiscal nos vindeiros exercicios
  • Asevera que Goberno galego sigue avogando por unha Galicia segura, “que non é o mesmo que unha Galicia inmóbil”, precisa
  • Resalta que a estabilidade dinámica é o que caracteriza á clase emprendedora galega “e o seu exemplo merece ser seguido”
  • Expresa o desexo de que os que se incorporan ás tarefas de goberno esperten cada día pensando “no que teñen que facer”, e non soamente “no que lles gustaría dicir”; “porque os cambios en parte da tripulación non poden supoñer que se volva á deriva anterior”, di
  • Asegura que a Xunta sempre terá a man tendida para dialogar e colaborar
  • Destaca o papel de Europa como marco estabilizador e precisa que, se ben a estabilidade, a convivencia política e o benestar do espacio europeo débese a decisións e tratados que foron debatidos hai anos ou décadas, “é agora cando se están cimentando a estabilidade, a convivencia e o benestar do futuro”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe a aposta da Xunta por seguir baixando impostos e, nesta liña, avanzou a aprobación no vindeiro Consello da Xunta dunha nova reducción dos valores medios que gravan os bens inmobles urbanos. Deste xeito, ás rebaixas aprobadas nos últimos anos sumarase outra nova, que volverá a reducir os impostos sobre os bens inmobles, tanto intervivos como mortis causa. 

Con esta iniciativa, Feijóo constatou deste xeito que a baixada de impostos é a liña que seguiu neste últimos anos e seguirá o Goberno galego. “É a liña na que cremos e é a liña na que seguiremos, toda vez que a economía se está poñendo en situación de que poidamos facer revisións da nosa política fiscal nos vindeiros exercicios”, incidiu.

Durante o III Foro Peme Galicia ‘Realidades e Retos das Pemes’ e a entrega dos Premios Mi Negocio 2015, subliñou que un dos principais pesos, e por tanto, un dos principais méritos da recuperación lévano persoas como os participantes nestes dous actos: “Galegas e galegos fundadores ou xestores de proxectos que demostran a aptitude empresarial que existe na nosa terra”.

“Sodes unha referencia de competitividade, porque cada día loitades por abrirvos a novos procesos, a novos mercados, a novas ideas”, dixo, ao que engadiu que, ademais da rebaixa de impostos e lonxe de levantar muros, o Goberno galego puxo en marcha a Lei do Emprendedor, para garantir menos trabas e menos custos aos que queiran poñer en marcha un negocio.

Así mesmo, afirmou que os emprendedores son tamén unha referencia de innovación; “e a Xunta seguirá utilizando ao máximo todos os instrumentos para iso”, garantiu, referíndose aos Programas Interconecta, ás liñas de apoio directo aos Centros Tecnolóxicos ou á posta en marcha de Unidades Mixtas de Innovación en sectores estratéxicos para a economía galega. “E sodes, -proseguiu-, unha referencia de internacionalización, como proban os datos das exportacións”.

Estabilidade dinámica
Ademais de referirse ao papel das pemes na recuperación económica, ao longo do seu discurso, Feijóo reflexionou tamén sobre o papel que as administracións deben ter neste contexto. E, sobre este punto afirmou que o Goberno galego sigue avogando por unha Galicia segura, “que non é o mesmo que unha Galicia inmóbil”, dixo, ao que precisou que a estabilidade dinámica é o que caracteriza á clase emprendedora galega, “e o seu exemplo –abundou- merece ser seguido”.

Nesta liña, expresou o desexo de que os que se incorporan ás tarefas de goberno esperten cada día pensando “no que teñen que facer”, e non soamente “no que lles gustaría dicir”; “porque os cambios en parte da tripulación non poden supoñer que se volva á deriva anterior”, asegurou. “España e Galicia evitaron o impacto co iceberg, pero o cambio de rumbo é lento, sen que esa lentitude signifique que está errado”.

O titular do Executivo autonómico aseverou que a Xunta sempre terá a man tendida para dialogar e colaborar: “Detrás de calquera alcalde ou presidente de Deputación, nunca veremos siglas senón persoas que merecen ser administradas con eficiencia, coa coordinación de todos os gobernos”, incidiu.

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico expresou tamén a súa confianza no marco europeo como estabilizador. “Europa presérvanos contra as aventuras e, ao mesmo tempo é unha lección para os que se impacientan pola demora nos efectos de determinadas medidas económicas”, dixo, logo de resaltar que, se ben a estabilidade, a convivencia política e o benestar do espacio europeo débese a decisións e tratados que foron debatidos hai anos ou décadas, “é agora cando se están cimentando a estabilidade, a convivencia e o benestar do futuro”.


Feijóo concluíu transmitindo o agradecemento en nome do Goberno galego aos premiados, “pero tamén a todos aqueles que igualmente apostan por Galicia; tanto aos que permanecen nela para desenvolver unha idea de negocio, como aqueles que desde fóra traen posibilidades de riqueza, oportunidades de emprego, en definitiva, opcións de futuro”.