GALICIA E PORTUGAL TENDEN NOVAS PONTES ENTRE AS SÚAS CULTURAS A TRAVÉS DA LITERATURA E DA ILUSTRACIÓN

Acto en Oporto hace unas horas
  • A Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal convocan a primeira edición do premio Nortear, para incentivar a creación literaria entre a mocidade dos dous territorios
  • Representantes destes organismos reuníronse hoxe en Porto para presentar o certame e planificar próximas iniciativas de intercambio cultural, entre as que se inclúen roteiros literarios e o intercambio de proxectos expositivos itinerantes
  • Ao abeiro do memorando asinado en abril pola entidades implicadas, a Xunta incorporou 170 volumes en galego á biblioteca portuguesa da dirección rexional
As culturas galega e portuguesa estreitan lazos coa convocatoria da primeira edición de Nortear, un premio literario promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal que ten como principal obxectivo incentivar a creatividade da mocidade escritora de ambos os dous territorios.  

A presentación das bases do certame, cuxa obra premiada se editará en galego e portugués, tivo lugar esta mañá na cidade portuguesa de Porto, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director rexional, António Ponte; do presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Emídio Gomes; e mais da directora da agrupación europea, Maria Geraldes. 

Elemento de Irmandade
Respecto do nacemento do certame, Anxo Lorenzo asegurou que “se é sempre unha boa noticia a creación dun novo premio literario, polo tanto, dunha nova oportunidade de difundir e dar a coñecer a capacidade creativa das escritoras e dos escritores novos, aínda o é máis o feito de que esta iniciativa sexa froito da colaboración conxunta e do diálogo entre dous territorios cuns vínculos históricos tan fortes como os que nos unen”. Nese sentido, amosouse convencido de que esta iniciativa literaria conxunta “ha ser tamén un elemento máis de irmandade entre Galicia e Portugal”. 

O certame literario Nortear xorde ao abeiro do memorando asinado o pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro, entre a consellería, a dirección rexional e a agrupación europea, coa finalidade de potenciar a creatividade, a promoción e a visibilidade de proxectos culturais comúns entre Galicia e Norte de Portugal, “un espazo de traballo común que medra desde a semente da lei aprobada en 2014 para asentar os vínculos coa lusofonía, co fin de tirar proveito das potencialidades de Galicia e do galego como lingua de entendemento cos países lusófonos”, afirmou o secretario xeral. 

Intercambio de fondos bibliográficos
Froito do memorando, tamén se materializou o intercambio de fondos bibliográficos destinados a nutrir a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, instalada na Casa Allen, en Porto, onde tivo lugar a rolda de prensa de presentación do certame. En total, a Xunta de Galicia realizou unha doazón de 170 volumes para poñer ao dispor da cidadanía portuguesa obras en lingua galega. 

Roteiros literarios 
Ademais, ao abeiro están previstas outras iniciativas culturais, principalmente arredor do libro e da literatura. Para avanzar na súa planificación e concreción, os representantes das entidades galegas e portuguesas tamén mantiveron hoxe unha reunión centrada na posta en marcha do proxecto Escritores do Norte, que inclúe o deseño de roteiros literarios e turísticos pola xeografía literaria e/ou vital de tres autores especialmente representativos das culturas galega e portuguesa, así como unha xornada de coñecemento mutuo na que se estableza un diálogo entre unha autora ou autor galego e outro do norte de Portugal. 

Itinerancia de proxectos expositivos
Galicia tamén concretou no encontro a súa proposta para o intercambio dunha exposición realizada por cada parte, que será exposta nunha localidade de cada país. O proxecto expositivo galego que se divulgará en Portugal será a mostra ‘Santiago cidade ilustrada’, que reúne debuxos e ilustracións de artistas internacionais e galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, David Pintor e Fran Bueno que retrataron a capital de Galicia nas súas creacións.  

Incentivar a creación literaria
O certame Nortear. Jovens Escritores / Mocidade Escritora Norte de Portugal – Galicia nace cos obxectivos de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, así como de destacar, anualmente, obras literarias orixinais e mais de promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras.


Poden participar no premio persoas de entre 16 e 36 anos, nacidas ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con obras literarias orixinais e inéditas, escritas en lingua galega e portuguesa, que se encadren no xénero narrativo, no subxénero conto. O prazo para a presentación das obras, que deberán enviadas por correo postal á sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, en Vigo, remata o 30 de setembro de 2015. As bases completas poden consultar na páxina web de Cultura, en www.cultura.gal