GALICIA : A REBAIXA MEDIA NAS VALORACIÓNS DOS INMOBLES URBANOS CHEGARÁ AO 21% NAS GRANDES CIDADES

  • Os contribuíntes galegos pagarán menos no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no Imposto sobre Transmisións Patrimonais e Actos Xurídicos Documentados 
  • A diminución media situarase no contorno do 24% en Vigo, A Coruña e Pontevedra, e no 19% no resto de grandes cidades
  • A rebaixa entrará en vigor o vindeiro 1 de xullo 
A rebaixa media nas valoracións dos bens inmobles urbanos, que a Xunta de Galicia vai aplicar a partir do vindeiro 1 de xullo, chegará ao contorno do 21% nas grandes cidades galegas. Esta rebaixa significará que os contribuíntes galegos pagarán menos cando se produza unha transmisión dun inmoble urbano.

En concreto, os contribuíntes terán unha menor carga fiscal no momento en que teñan que tributar polo Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) ou polo Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD), que son os principais impostos da Administración galega.

A rebaixa media situarase no contorno do 24% nas cidades de Vigo, A Coruña e Pontevedra, mentres que será de arredor do 19% no resto das grandes urbes. En todos os casos, a diminución nas valoracións supera á media de Galicia, que será do 15% respecto dos valores actuais, dado que as cidades galegas concentran o maior dinamismo no mercado inmobiliario nos últimos anos. 

En conxunto, as valoracións de inmobles urbanos teñen diminuído nos últimos tres anos practicamente nunha media dun 50%, incluíndo a última rebaixa media do 15%. Esta rebaixa é consecuencia da aplicación dos coeficientes sobre o valor catastral dos bens urbanos, a través dunha orde que será sometida a información pública para a súa posterior aprobación.


Deste xeito, a Xunta de Galicia modifica o ámbito de aplicación da Orde de Prezos Medios de Mercado e introduce un novo medio de valoración para os bens urbanos, que se baseará en coeficientes sobre os valores catastrais en función do último ano de actualización das ponencias e da evolución do mercado en cada municipio. Isto permitirá acadar valoracións máis individualizadas en cada inmoble, acadando unha maior singularización.