18/6/15

La Xunta busca una política social apropiada desde el censo de viviendas vacías

Ethel Vázquez
A conselleira de Medio Ambiente presentou esta mañá o Anteproxecto de decreto que desde hoxe pode consultarse na web da Consellería e que estará aprobado no último trimestre do ano

ETHEL VÁZQUEZ asegura QUE O CENSO DE VIVENDAS BALEIRAS contribuirá a unha planificación axeitada da POLÍTICA SOCIAL e a reforzar o apoio ás persoas con dificultades para pagar a hipoteca ou o aluguer
  • A inscrición será obrigatoria para as vivendas desocupadas situadas en concellos de máis de 10.000 habitantes e que sexan propiedade dos bancos, das súas inmobiliarias e da Sareb
  • Ademais, de forma voluntaria, calquera propietario de vivendas desocupadas poderá inscribilas no Censo, con independencia do concello no que estean situadas
  • A Xunta impulsará acordos de colaboración coas entidades de crédito para que as vivendas inscritas se destinen a afectados por desafiuzamentos e poidan ser empregadas como vivendas sociais
  • Nos lugares nos que estea constatada a necesidade de vivenda protexida e haxa vivendas rexistradas no Censo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo poderá facer unha oferta de adquisición a favor dun demandante de vivenda protexida
  • Esta actuación enmárcase no Plan rehaVIta, o primeiro Plan autonómico de vivenda, aprobado polo Consello da Xunta a comezos deste ano 
  • Vázquez Mourelle lembra que o Goberno galego leva anos traballando na protección do dereito á vivenda e asegura que “non podemos darnos por satisfeitos mentres unha soa familia estea en risco de perder o seu fogar”
  • Avanza en verán estará en marcha o Bono Alugueiro, en  apoio urxente a persoas que precisen de axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda
 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegurou hoxe que a creación do Censo de Vivendas Baleiras de Galicia contribuirá a unha axeitada planificación social da política de vivenda e a reforzar o apoio e a protección das persoas con dificultades para afrontar o pago da hipoteca ou o aluguer. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan rehaVita, o primeiro plan autonómico de vivenda, aprobado pola Xunta de Galicia a comezos deste ano.

Ethel Vázquez Mourelle, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, presentou hoxe o Anteproxecto de decreto polo que se crea o Censo de Vivendas Baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia a efectos da planificación social da política de vivenda. Segundo concretou, o borrador do texto normativo que hoxe inicia o proceso de participación pública, pode consultarse xa en internet (http://www.cmati.xunta.es/disposicions) e a previsión é que estea aprobado no último trimestre do ano.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas manifestou que o obxectivo é crear un rexistro “que facilite datos fiables das vivendas baleiras propiedade das entidades de crédito e sociedades de xestión de activos”. Segundo explicou, o obxectivo é dispor de información adecuada que permita a planificación social da política de vivenda que se concretará en posteriores plans e programas de actuación.

Consonte o Anteproxecto de decreto presentado hoxe, a inscrición no Censo será obrigatoria para as vivendas desocupadas situadas en concellos de máis de 10.000 habitantes que son propiedade das entidades de crédito e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da restruturación bancaria. É dicir, para as vivendas baleiras dos bancos e as súas inmobiliarias e doutras sociedades dependentes delas, como a Sareb.

Ademais, pero xa de forma voluntaria, calquera propietario de vivendas desocupadas poderá inscribilas no Censo, con independencia da poboación do concello no que estean situadas.

Ethel Vázquez explicou que para realizar o procedemento de inscrición, os propietarios simplemente deberán presentar unha comunicación previa a través dunha plataforma informática, na que deberán incluír datos sobre o titular do inmoble, enderezo, superficie, a data da última ocupación (se é o caso), a data de licenza da primeira ocupación, o certificado de eficiencia enerxética e calquera outra información que se considere de interese. As entidades estarán obrigadas a manter actualizada a información.

No caso de vivendas protexidas inscritas voluntariamente, deberá incluírse información relativa á certificación da promoción. 

O prazo para efectuar  a inscrición variará en función do tipo de inmoble. Así, para as vivendas de nova construción, a inclusión no Censo deberá efectuarse nun prazo máximo de seis meses desde a emisión da licenza de primeira ocupación; e para as vivendas usadas, o prazo será de 4 meses desde que queden baleiras. No caso de inscrición voluntaria, o rexistro poderá realizarse en calquera momento. 

Ademais, na disposición transitoria do anteproxecto, de regúlase que as vivendas que estean baleiras á entrada en vigor do decreto poderán ser inscritas nos 4 meses posteriores.

Medidas para favorecer a ocupación das vivendas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas enfatizou que con este Censo de Vivendas Baleiras, obrigatorio para as entidades de crédito e voluntario para todos os demais,  a Xunta pretende “seguir dando respostas que nos permitan garantir o dereito constitucional a unha vivenda”.

Por ese motivo o Anteproxecto de decreto recolle un conxunto de medidas destinadas a impulsar a ocupación das vivendas baleiras. Trátase de impulsar acordos de colaboración coas entidades bancarias para que as vivendas inscritas se poidan destinar a atender a persoas afectadas por desafiuzamentos derivados de execucións hipotecarias ou de impago de aluguer. Ademais, a Xunta poderá intermediar para favorecer a venda ou aluguer destas vivendas, que  mesmo poderán ser empregadas como vivendas sociais.

Paralelamente, nos lugares nos que estea constatada a necesidade de vivenda protexida e haxa vivendas rexistradas no Censo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo poderá facer unha oferta de adquisición a favor dun demandante de vivenda protexida. Así mesmo, o Decreto habilitará á Xunta a establecer colaboracións coas administracións locais para o apoio de desafiuzados por impago do aluguer.

Finalmente, a disposición adicional derradeira primeira faculta ao Goberno galego a ampliar a obriga de inscrición a outros concellos de menos de 10.000 habitantes, no caso de que sexa necesario.

Vázquez Mourelle insistiu en que o Goberno galego quere someter a tramitación do Decreto de creación deste rexistro ás consideracións de todas as persoas e axentes que queiran participar, polo que explicou que o texto do Decreto estará dispoñible no portal web da Consellería durante un mes.

A conselleira lembrou que o Goberno galego leva anos traballando na protección do dereito á vivenda e asegurou que “non podemos darnos por satisfeitos mentres unha soa familia estea en risco de perder o seu fogar”.

Nese sentido, lembrou que en coordinación coa Consellería de Traballo e Benestar, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha o programa “Reconduce”, co obxectivo de ofrecer asesoramento e mediación con carácter previo ao lanzamento da vivenda e previr que unha familia teña que abandonar o seu fogar.

Así mesmo, activouse o programa de realoxo a afectados por execucións hipotecarias que permitiu dar unha solución ao 100% das familias que solicitaron axuda  e que cumprían os requisitos.

Posteriormente, e para reforzar estas políticas, a Xunta puxo en marcha, neste ano 2015, o Plan rehaVIta, o primeiro plan autonómico de vivenda, co obxectivo de facilitar o acceso a un fogar ás persoas que máis o necesitan. Nese marco recóllese a rede de vivendas de inserción, que permitirá adxudicar de forma áxil a persoas en risco de exclusión social.


E, tamén en cumprimento do Plan rehaVIta, Ethel Vázquez avanzou que a Xunta agarda activar xa en verán o Bono Alugueiro, unha medida pioneira que consiste nun apoio urxente a persoas que precisen de axuda para asumir o custo do arrendamento da vivenda.