11/6/15

Mejora la coordinación entre Galicia y el Norte de Portugal

A AECT GALICIA-NORTE DE PORTUGAL ESTÁ A DAR IMPORTANTES PASOS NA MELLORA DA COORDINACIÓN E COLABORACIÓN ENTRE ESTAS DÚAS REXIÓNS 
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu no Parlamento para informar das últimas actuacións e proxectos desenvolvidos pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal
  • Destacou iniciativas como a dos “job day”, no que na última edición se materializaron 36 ofertas de traballo ou o programa IACOBUS, que acaba de lanzar unha convocatoria adaptada á formación profesional
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou que se están a dar importantes pasos na mellora das relacións entre Galicia e Portugal coa creación de novas redes de coordinación e colaboración.

Jesús Gamallo
Gamallo compareceu hoxe na cámara galega para informar das últimas actuacións e proxectos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT). O director xeral, que destacou o éxito da fórmula de cooperación internacional artellada mediante a AECT, deu conta das iniciativas desenvolvidas nos distintos eidos de actuación.

Así, no tocante ao ámbito económico, salientou que AECT está resultando un instrumento moi útil para estimular a economía da Eurorrexión, a través de iniciativas que poñen en contacto a actores empresariais e sindicais portugueses e galegos, tanto para xerar oportunidades de emprego como para planificar unha maior competitividade.

Neste senso, fixo balance da celebración do segundo “job day” galaico-portugués, celebrado o pasado 1 de xuño, no que participaron 16 empresas e se materializaron 36 ofertas de traballo, que tal e como subliñou, servirán para atraer nun futuro novas ofertas. Unha iniciativa público-privada coordinada dende a AECT, da que se benefician en especial PEMEs portuguesas e galegas, abocadas nos tempos que corren a unha nova cultura de colaboración empresarial.

Tamén, destacou que no relativo a  cohesión europea e no que atinxe á nosa Eurorrexión, a UE vén de aprobar o Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG  V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, que guiará a aplicación dos fondos FEDER durante este período e que estará dotado con 382 millóns de euros para toda a fronteira hispano-portuguesa, un 8 por cento máis que no período anterior. 

Por outra banda, en canto ao eido cultural-educativo falou do deseño e implantación do programa IACOBUS, unha iniciativa da nosa Eurorrexión a prol da cooperación cultural, científica e pedagóxica. Segundo explicou Gamallo, o obxectivo práctico de IACOBUS é fomentar a cooperación e intercambio entre os recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte Portugal para a posta en común de actividades formativas, investigadoras e divulgativas. 

Este programa vai xa pola súa terceira edición e nela formuláronse 203 candidaturas, resultando beneficiados 128 alumnos, aclarou. Ademais anunciou que debido ao positivo da experiencia do Programa, decidiron encomendarlle á AECT o lanzamento dunha iniciativa similar adaptada á formación profesional.

Outro fito cultural salientable froito da cooperación fronteiriza foi a sinatura do Memorando de Entendemento entre a consellería de educación, a direçao regional de cultura do norte e a AECT, dixo, que concreta actuacións como a creación dun premio literario, bautizado como Nortear, a realización dunha exposición conxunta anual ou o proxecto Escritores do Norte, que implica a realización de roteiros literarios e turísticos.

De igual modo, no denominado eido da proximidade, o director xeral destacou os avances  significativos que se teñen producido e recordou que se ven de asinar  un acordo entre os concellos de Tui e Valença para a interconexión  dos rexistros administrativos municipais.  

Ademais, salientou a celebración dun cumio ambiental, no que, canda a AECT, estiveron a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as dúas Secretarías de Estado portuguesas, e que se saldou coa creación dun grupo de traballo no que se integrarán todas as administracións con competencias no río Miño.


O director xeral mostrouse convencido de que esta “boa sintonía” entre Galicia e Portugal e a existencia de todas estas redes de cooperación cristalizarán nos numerosos proxectos conxuntos que se están a xestar.