O CONCELLO DE BUEU PASA A ORGANIZARSE EN CINCO ÁREAS PRINCIPAIS DE XESTIÓN E NOVE DELEGACIÓNS ESPECIAIS

O Concello de Bueu afronta unha nova lexislatura renovando as súas áreas de xestión coas que se pretende  lograr unha maior efectividade e transversalidade. Por iso, a nova organización incluirá cinco delegacións xenéricas dependentes da alcaldía, e nove delegacións especiais, que hoxe se aprobaron definitivamente.
Así,  Martín Villanueva continuará coa área de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda,  Silvia Carballo será a encargada de dirixir a área de Economía, Emprego, Consumo e Turismo, Carlos Eirea estará encargado da Portavocía do Goberno e das Políticas Sociais, José Inocente García Cuervo seguirá con Facenda Municipal, Modernización da Administración Local e Réxime Interior (compra pública e control das concesións de xestión dos servizos públicos), e Manuel Otero tomará as rendas en Medio Ambiente Urbano e Servizos. 
Os encargados destas áreas terán varios cometidos, como a elaboración dun plan director de previsión anual de actividades (que se agarda antes do 31 de outubro), un informe semestral sobre o cumprimento da previsión inicial, un informe ao ano seguinte de implementación de previsións iniciais, e supervisar a actuación dos concelleiros con delegacións especiais. Os cinco delegados xenéricos serán tamén os cinco tenentes de alcalde, encargados das respectivas comisións informativas, e membros da Xunta de Goberno Local.

As delegacións especiais, para unha xestión máis efectiva
Pola súa banda, esas delegacións xenéricas ou macroáreas dividiranse en varias delegacións especiais das que se encargarán determinados concelleiros, co que se pretende “mellorar a eficacia e a transversalidade”, segundo resaltou Félix Juncal, e que supón un cambio con respecto ao modelo anterior. Cada delegado especial poderá combinar asuntos de áreas xenéricas diferentes. Así, Juan Carlos Eirea será o delegado especial de transporte, cultura e participación cidadá, ademais de ser o portavoz do goberno. Fidel Castro continúa sendo o encargado das relacións institucionais, obras e servizos (praias, limpeza viaria, abastecementos de augas, fontes e lavadoiros, recollida de lixo) ademais de seguridade cidadá e tráfico. María José Piñeiro será a que xestione a praza de abastos e o mercado, e os asuntos de benestar social, mentres que María Teresa López seguirá á fronte de sanidade, e sumará ensino.
A número tres do BNG, Silvia Carballo, pasará a tomar as rendas da delegación especial de infancia e xuventude e do gabinete de promoción do galego e normalización lingüística. Xosé Leal ocuparase do desenvolvemento e innovación tecnolóxicos e da administración electrónica, deixando a Manuel Otero a concellería de deportes e xestión de centros medioambientais.  Antonio Rosales entrará na corporación como encargado de persoal, cemiterio, parques e xardíns públicos e alumeado, e Ana Isabel Otero de promoción dos maiores e igualdade. 
Estas delegacións especiais poden combinar asuntos de áreas diferentes que estarán coordinados polos delegados xenéricos. As súas obrigas pasan pola dirección interna e a xestión dos servizos correspondentes, formulación de propostas de acordo que afecten á súa delegación, cumprir os mecanismos de coordinación e facilitar a supervisión do concelleiro delegado de área.

Félix Juncal destacou que soamente as áreas de policía e protección civil dependerán directamente da alcaldía, e non serán delegadas.