"Plan Social contra la Desigualdad Económica" lanzado por la Xunta lucha contra la pobreza y exclusión

“O obxectivo final é unha recuperación económica para todos”, incide o titular da Xunta

FEIJÓO SALIENTA QUE O PLAN SOCIAL CONTRA A DESIGUALDADE ECONÓMICA CONTRIBUIRÁ A QUE FAMILIAS QUE AÍNDA NON PERCIBEN A RECUPERACIÓN CONTEN CUN IMPULSO PARA ACERCARSE DO XEITO MÁIS IGUALITARIO POSIBLE ÁS QUE XA O ESTÁN NOTANDO
  • Afirma que, con carácter inmediato, comezarase a traballar coas entidades sociais e, unha vez concretado o contido e alcance e priorizado de acordo con elas, comezarase a traballar cos concellos e deputacións, para pechar o paquete de medidas que dean resposta ás necesidades
  • Resalta a ampliación das prestacións do Programa Reconduce tamén ás persoas en risco de desafiuzamento por falta de pagamento do aluguer
  • En materia de vivenda, avanza tamén o inicio da tramitación dun decreto que permita crear o Rexistro de Vivendas Baleiras da Comunidade; e a apertura dun proceso de diálogo coas entidades financeiras para pechar un procedemento neste sentido
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que, dentro da Estratexia de Inclusión Social, o Plan social contra a desigualdade económica ademais de permitir evitar situacións de pobreza e exclusión social que, de non actuar, se poden acabar producindo; contribuirá a que familias que aínda non perciben a recuperación conten cun impulso para acercarse do xeito máis igualitario posible ás que xa o están notando.

Feijóo precisou que se ben todos os indicadores económicos coinciden en que a situación económica está evolucionando, “que estamos deixando atrás a crise, e que pouco a pouco se consolida a recuperación”, tamén é evidente que a recuperación non alcanza aínda a todos os cidadáns, nin a todos en igual medida. “É dicir, segue habendo situación de vulnerabilidade, que igual que atendemos durante a crise, temos que seguir atendendo, e con máis intensidade, agora que empeza a mellorar paulatinamente a situación económica para lograr o obxectivo final: unha recuperación económica para todos”, engadiu.

Ante esta situación, e conscientes de que a crise ten aínda consecuencias moi duras para moitas persoas e de que a recuperación que se comeza a ver non se nota aínda en moitos fogares, Feijóo garantiu o esforzo da Xunta “para seguir ao carón desas persoas que seguen atrapadas no paro ou en risco de exclusión, tratando de que ninguén se quede sen os apoios necesarios”.

Neste contexto, lembrou que ao longo dos últimos anos o Goberno galego leva facendo un gran esforzo por axudar a familias en situación de pobreza e exclusión social, reflectido nun crecemento do 17,7% das partidas destinadas no orzamentos á inclusión, ata acadar os 70 millóns. Gran parte do orzamento de inclusión irá destinado á RISGA, que supera xa os 50 millóns de euros, o que supón un incremento do 25% con respecto a 2014. E, ademais, a nova orde de contratación para perceptores da RISGA duplicará en 2015 o orzamento do ano pasado, chegando a máis de 1.000 beneficiarios e, de tal xeito que todos os concellos que solicitaron contratos os van recibir.

Así mesmo, subliñou que hai quince días aprobouse, tamén, no Consello un aumento orzamentario para a nova liña de axudas para entidades de iniciativa social: un 40% máis que o ano anterior e un 62% que en 2013.

Logo de precisar que todas estas medidas céntranse basicamente en persoas que están en situación de desemprego e que teñen uns límites de ingresos familiares determinados, o responsable autonómico aseverou que tamén hai situacións de vulnerabilidade en persoas que presentan carencias severas nalgúns casos, mesmo tendo emprego ou mesmo superando eses límites de ingresos familiares. “E o noso obxectivo é non só chegar a aquelas persoas que non teñen practicamente ningún ingreso, senón a aquelas que, tendo algún ingreso, este é claramente insuficiente para afrontar gastos necesarios. E serán prioritarias aquelas familias con menores a cargo ou que sexan monoparentais”, incidiu.

Única folla de ruta para unificar esforzos e recursos
Con este fin, Feijóo salientou que o Plan social contra a desigualdade incorpora distintas medidas que xa se teñen posto en marcha, pero que é preciso aunar nunha única folla de ruta para unificar esforzos e recursos. 

Medidas como as axudas para a adquisición de libros de texto, das que este curso se beneficiaron case 135.000 familias; as axudas para universitarios que por causas sobrevidas ou imprevistas teñen dificultades para continuar os seus estudos; a exención do pago de medicamentos a persoas receptoras de rendas mínimas e a parados que perderon o subsidio por desemprego; o tícket eléctrico para as familias con menos ingresos; ou os incentivos ás empresas de inserción laboral que buscan saídas laborais a persoas en risco de exclusión.

Nesta mesma liña, Feijóo referiuse tamén á recente decisión de asinar un ano máis o convenio co Banco de Alimentos e coa Fegamp para facer chegar ás familias que o precisen alimentos para os menores nas vacacións escolares; ao programa de axudas ao alugueiro para as familias con menos ingresos; e ao Programa Reconduce para dar unha saída ás persoas afectadas por un desafiuzamento por execución hipotecaria, e co que se ten chegado a máis de 300 familias.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Xunta aseverou que o plan inclúe ademais novas iniciativas para dar resposta a carencias concretas que se deben atender para evitar o agravamento de situacións de desigualdade. “Definimos as áreas de actuación e creamos unha comisión interconsellerías que será a voz da Xunta neste eido -Vicepresidencia; Traballo e Benestar; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Economía e Industria; Educación e Sanidade-. E, con carácter inmediato comezaremos a traballar coas entidades sociais e, unha vez concretado o contido e alcance e priorizado de acordo con elas, comezarase a traballar cos concellos e deputacións, para pechar o paquete de medidas que dean resposta ás necesidades”.

Ampliación do Programa Reconduce 
O responsable do Executivo galego destacou tamén que este plan centrarase en catro eixos. O primeiro deles, no eido sanitario, co obxectivo de complementar a exención do pago de medicamentos a outros colectivos e familias. “E, seguiremos traballando no eido da Educación, para ampliar as axudas para facilitar ás familias máis vulnerables, ademais do acceso a libros de texto, a outros materiais e actividades; en materia de Benestar, co fin de establecer mecanismos para cubrir necesidades básicas ás familias con ingresos insuficientes; e no eido da Vivenda”.

Sobre este último punto, Feijóo fixo fincapé na ampliación das prestacións do Programa Reconduce tamén ás persoas en risco de desafiuzamento por falta de pagamento do aluguer. 

Con este fin, crearanse catro oficinas máis, unha en cada provincia. E, a maiores, a vindeira semana, iniciarase a tramitación dun decreto que permita crear o Rexistro de Vivendas Baleiras da Comunidade, “un censo a efectos de información e de planificación social para coñecer as vivendas baleiras situadas en concellos de máis de 10.000 habitantes. Vivendas cuxos titulares serán: as entidades financeiras, a SAREB ou os fondos de investimento, quedando fóra deste censo as vivendas particulares ou doutras persoas físicas”.
Así mesmo, platéxase unha dobre vía de actuación: axudas, nos casos en que sexa posible contribuír ao pago da hipoteca ou do aluguer; e, paralelamente, ampliar as posibilidades de realoxo, “tratando de sumar ás vivendas coas que xa contamos actualmente, as vivendas do Censo de Vivendas Baleiras”.

Despois de precisar que, con carácter inmediato abrirase un proceso de diálogo coas entidades financeiras para pechar un procedemento neste sentido, Feijóo destacou a importancia da reforzar a colaboración cos Concellos e Deputacións, “aos que lles plantexaremos poñer en comúns os nosos recursos económicos, técnicos e humanos dispoñibles”.

“Trátase de identificar conxuntamente os casos de familias con maior risco e atopar a mellor solución posible a todos eses casos, a través de: axudas económicas, de oportunidades laborais, ou asignacións dunha vivenda alternativa”, dixo.

Feijóo concluíu incidindo en que o obxectivo desta iniciativa é que ningunha familia que o precise quede sen unha atención; “e queremos facelo do xeito que nos piden os cidadáns, que é coordinadamente tanto dentro da Xunta como co resto das Administracións para priorizar con criterios de obxectividade aquelas situacións máis necesarias. En definitiva, ser máis útiles se actuamos conxuntamente e, tamén, ser máis ambiciosos se a situación económica o empeza a permitir”.