SEXTA EDICIÓN DO ECOBUEU, O 12 DE XULLO

ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE PARA EXPOSITORES  DA SEXTA EDICIÓN DO ECOBUEU O 12 DE XULLO

O domingo 12 de xullo terá lugar a sexta edición do Ecobueu, o mercado ecolóxico de verán que encherá a praza Massó de ocio, gastronomía, teatro, obradoiros e música e que permitirá aos comercios expoñer e vender produtos galegos ecolóxicos, artesáns e de proximidade. 
O mercado abrirá as súas portas de 11 a 20.30 horas e todos os expositores permanecerán abertos durante ese horario.
Nel poderán participar ata un máximo de 60 postos de alimentación, artesanía, comercio xusto, saúde e benestar, tecidos e calzado, turismo, gastronómicos ou outros con data límite o 26 de xuño. A organización resalta que se debe cumprir con toda a normativa sanitaria relativa á manipulación de alimentos e comercializar soamente produtos artesáns ou ecolóxicos de elaboración propia. 
Segundo as bases da convocatoria, valoraranse que os produtos sexan de orixe eco, a territorialidade da explotación e que aposten pola sostibilidade social e ambiental no proceso produtivo, entre outros. Tamén se buscará complementar a exposición e venda de produtos con actividades prácticas tales como obradoiros, demostracións, catas ou exhibicións.

Estes mercados constitúen unha das liñas básicas de actuación  do goberno buenense para potenciar o comercio local e implementar a “marca Bueu”, motivo polo cal se reservarán dez postos para expositores do termo municipal de Bueu.