Tribuna Libre : la protesta de la Federación de Anpas de Moaña “Arco da Vella”

Dende a Federación de Anpas Arco da Vella de Moaña sumámonos a petición das confederación de anpas galegas en relación á protesta polo fondo solidario de libros de texto tendo en cota que; 
A Constitución española di: “o ensino básico é obrigatorio e gratuíto”. 
A defensora do pobo di: “o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios debería facerse extensivo aos libros de texto e material didáctico utilizado” 
O Consello Escolar do Estado di: “O libro de texto ou material didáctico que sexa preciso para impartir o ensino básica e, polo tanto, garantir o dereito fundamental á Educación, ten que ser gratuíto” 
Polo tanto, nós, as nais e pais do alumnado de ensino público esiximos que a Administración Pública forneza a todos os nosos fillos e fillas dos libros de texto que necesiten, dun xeito gratuíto e universal. E que ese fornecemento respecte ademais os principios de reciclaxe, de uso compartido, de educación no coidado e na posta en valor dos bens comúns, o que se conseguirá por medio dun sistema de préstamo universal e gratuíto, demanda permanente da comunidade educativa galega. 
Entendemos que o “Fondo solidario” ficticio que se implantará en 1º e 3º de primaria e en 2º e 4º da ESO non é unha solución válida, porque: 
Non dá cobertura ás necesidades da totalidade do alumnado galego. 
Non garante nin sequera que todas as familias cun nivel de necesidade económica demostrado vaian ter libros de texto para os seus fillos e fillas. 
Entregarán libros cun criterio casual porque só se repartirán os libros que se recollan, independentemente das necesidades que haxa que satisfacer. 
Provoca tratamentos diferenciados en cada colexio, mesmo en cada curso escolar, ao facer depender os libros dispoñibles un curso, da situación existente no curso anterior. 
Provoca situacións de diferenciación visible entre o alumnado: se tes necesidades económicas levarás libros usados, se non as tes levarás libros novos. 
Abandona a criterios subxectivos e parciais a atención dos nenos con necesidades educativas que teñan unha minusvalía inferior ao 65 % . 
Abonda na confusión sobre a necesidade de cambio de libros de texto, ao propiciar co seu silencio o cambio de libros nuns niveis, en tanto que noutros, coas mesmas razóns obxectivas, prohíbese ese cambio. 
Sobrecarga de traballo non docente, e non só burocrático senón tamén policial e inspector, ás direccións dos centros escolares, converténdoos na cara visible e culpabilizable dunha errónea planificación administrativa. 

Por iso, dende a Federacion de Anpas de Moña reclamamos: 
– Que os libros de texto manteñan a súa vixencia no curso 2015-2016 en todos os niveis do ensino público obrigatorio e en todo o territorio galego; porque co mantemento obrigatorio que fai a Xunta dos libros de 3º e 5º de primaria demóstrase que a adaptación á LOMCE non precisa dun cambio de libros de texto, e as familias galegas non estamos dispostas a un investimento que pode facilmente converterse en inútil se a Lexislación educativa volve a cambiar logo das próximas eleccións xerais. 
– Que a Xunta de Galicia volva ao sistema de préstamo universal e gratuíto, que é demanda de toda a comunidade educativa, e que xa se demostrou como efectivamente solidario, e economicamente rendible para os presupostos públicos. 
Tamén temos que dicir que concordamos co Conselleiro de Educación nas súas declaracións ao respecto do contrasentido que suporía a organización de Bancos de libros paralelos aos que porá en funcionamento á Xunta de Galicia, e por iso recomendamos a todas as nosas ANPAS asociadas que a partir de agora non participen na posta en marcha de ningún banco de libros, porque entendemos que estes son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. 
Existe un enlace para firmar a favor desta resolución que podedes atopar na paxina: 
http://www.anpasgalegas.org/ 
A FEDERACION ARCO DA VELLA XUNTO COA FEDERACION OLIVICA CONVOCA A TODALAS FAMILIAS A UNHA CONCENTRACION POLA GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO NA FAROLA DE URZAIZ O VINDEIRO LUNS 15 DE XUÑO AS 20:00. 


FEDERACIÓN DE A.N.P.AS DE MOAÑA