26/6/15

XUNTA : SINATURA NOS VINDEIROS DÍAS DOS CONVENIOS CON TRES BANCOS PARA FREAR OS DESAFIUZAMENTOS E DEDICAR VIVENDAS BALEIRAS A ALUGUEIROS SOCIAIS

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura no Parlamento que Abanca, Sabadell-Gallego e Caixa Rural xa confirmaron que rubricarán o acordo

ETHEL VÁZQUEZ AVANZA A SINATURA NOS VINDEIROS DÍAS DOS CONVENIOS CON TRES BANCOS PARA FREAR OS DESAFIUZAMENTOS E DEDICAR VIVENDAS BALEIRAS A ALUGUEIROS SOCIAIS
  • Explica que deste xeito se porá en marcha unha medida pioneira en España, aprobada o pasado xoves polo Consello da Xunta 
  • As entidades de crédito comprometeranse a comunicarlle ao Goberno galego os casos de execucións hipotecarias con lanzamento autorizado xudicialmente e a evitalo ata que se acade unha solución que permita a permanenza dos afectados na vivenda
  • A titular de Infraestruturas subliña que os afectados poderán quedar na vivenda ata un máximo de tres anos, pagando unha renda de entre 0 e 75 euros/mes en función dos ingresos e das circunstancias familiares
  • A conselleira concreta que ademais, ese acordo permitirá que as entidades cedan o usufruto de parte do seu parque de vivendas baleiras para destinalas a un alugueiro social de 0 a 125 euros/mes
  • A creación do Censo de vivendas baleiras, en proceso de participación pública para ser aprobado no último trimestre deste ano, recollerá a inscrición obrigatoria para as vivendas baleiras en concellos de máis de 10.000 habitantes, propiedade de bancos, das súas filiais inmobiliarias e da Sareb
  • Vázquez adianta que no vindeiro mes de xullo se entregarán as primeiras vivendas cedidas pola Sareb de acordo co convenio asinado en marzo, para destinadas a familias con especiais dificultades de acceso
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta asinará de xeito inminente os tres primeiros convenios coas entidades financeiras para evitar desafiuzamentos e dedicar vivendas baleiras a alugueiros sociais. Así o adiantou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia, en reposta a unha pregunta sobre as medidas previstas polo Goberno galego para protexer o dereito á vivenda.

Ethel Vázquez explicou que Abanca, Sabadel-Gallego e Caixa Rural xa comunicaron a súa vontade de adherirse a estes procedementos,  que foron autorizados o pasado xoves por parte do Consello da Xunta como unha medida pioneira en España.

Cómpre lembrar que a sinatura de convenios de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e as entidades de crédito presentes na comunidade teñen como obxectivo evitar que as familias con menos recursos sexan desafiuzadas das súas vivendas. Neste sentido, ábrense dúas vías de actuación: posibilitar a permanencia na vivenda daquelas familias afectadas por un procedemento de execución hipotecaria e destinar parte das vivendas baleiras propiedade da entidade ao alugueiro social. 

Vázquez reiterou que estes convenios permitirán que as entidades de crédito poñan en coñecemento da Xunta todos os casos de execucións hipotecarias nos que estea autorizado xudicialmente o lanzamento e que se comprometan a evitalo ata que se acade unha solución que faga posible a permanencia da familia na vivenda.

A titular de Infraestruturas indicou que os afectados poderán quedar na vivenda ata un máximo de tres anos, pagando unha renda de entre 0 e 75 euros/mes, segundo as circunstancias (renda, familiares ao cargo, fillos...).

Ethel Vázquez tamén concretou que a Xunta pretende que as entidades asinantes dos convenios cedan voluntariamente o usufruto de parte do seu parque de vivendas baleiras, para poder destinadas ao alugueiro social. Precisou que este alugueiro social será de 0 a 125 euros/mes, tamén segundo a situación familiar.

Vázquez indicou que “mentres haxa unha soa familia en risco de perder o seu fogar, seguiremos traballando” e engadiu que a este compromiso responden iniciativas como o citado anteproxecto de decreto de creación do Censo de vivendas baleiras para planificación social, xa en proceso de participación pública co obxectivo de ser aprobado no último trimestre deste ano. 

Este anteproxecto recolle a inscrición obrigatoria para todas aquelas vivendas baleiras situadas en concellos de máis de 10.000 habitantes, que sexan propiedade de bancos, das súas filiais inmobiliarias e da SAREB. A medida pretende impulsar a ocupación das vivendas baleiras inscritas no censo por parte dos afectados por execucións hipotecarias, familias que non poden pagar o alugueiro e familias inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública.   

Outras medidas en marcha
Vázquez subliñou que unha das máximas prioridades da Xunta é garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna ás familias galegas e esta é unha liña de traballo na que o Goberno galego vén centrando os seus esforzos nos últimos anos mediante as seguintes medidas:
         Apoio ás familias en situación de especial emerxencia social, para que poidan contar cunha vivenda por adxudicación directa.
         Programa Reconduce, en colaboración coa Consellería de Traballo, ofrecendo asesoramento, e mediación ante os bancos, antes dos lanzamentos para tentar evitar que os afectados teñan que abandonar o seu fogar.
         Programa de Realoxos para afectados por execucións hipotecarias, a través da adxudicación directa de vivendas de promoción pública ou do Programa Aluga. Unha medida que, ata o momento, ten permitido dar resposta a todas aquelas familias que o solicitaron e que cumprían os requisitos. 

Ethel Vázquez argumentou que a Xunta, consciente de que era preciso seguir intensificando e reforzando estas políticas, tamén  puxo en marcha a principios deste mesmo ano o Plan rehaVIta, para facilitar o acceso ao fogar a aquelas persoas que máis o necesitan. Este plan consolida programas anteriores, pero tamén recolle outras iniciativas destacadas:

         Rede de vivendas de inserción, que permitirá adxudicar un fogar de forma áxil a persoas en risco de exclusión social, e cuxo decreto se está redactando. 
    Convenio xa asinado coa Sareb, para a cesión das primeiras 50 vivendas destinadas a aquelas familias con especiais dificultades, inmobles que se empezarán a entregar xa no próximo mes de xullo.

    Bono Alugueiro, de apoio urxente, inmediato e puntual ás familias, que empezará a funcionar este verán, e que é compatible con outras axudas sociais.