A XUNTA IMPULSA OS PROXECTOS DE 60 EMPRESAS PARA SAÍR AOS MERCADOS INTERNACIONAIS

A Xunta impulsará nos vindeiros meses cun millón de euros os proxectos de 60 pemes galegas para saír por primeira vez aos mercados internacionais, contribuíndo cunha nova edición do Plan Primex a un traballo exportador que ten permitido a Galicia bater en 2013 e 2014 os seus récords históricos de exportacións, balanza comercial, taxa de cobertura e empresas exportadoras regulares, éxito que se ten prolongado nos cinco primeiros meses do ano, cun crecemento do 4,2% sobre o mesmo período de 2014.

Esta nova convocatoria do Primex permitirá ás compañías galegas dispoñer de apoios que cobren ata o 75% do gasto subvencionable de cara a impulsar esas primeiras implantacións no exterior, a través de proxectos conxuntos que unan ás pemes en proxectos de cooperación que lles permitan unir esforzos, compartir custos e, se fose o caso, desenvolver estratexias de marca. 

Entre as novidades da convocatoria, destaca a maior flexibilidade para que as empresas accedan ao Plan. Neste senso, se apoiarán iniciativas levadas a cabo por al menos dúas empresas que colaboren entre si, fronte ao mínimo de tres empresas requeridas nas convocatorias anteriores. Ademais, se impulsarán por primeira vez actuacións tanto en orixe como en destino, e os beneficiarios dos apoios terán a posibilidade de solicitar un anticipo destes apoios, facilitando o financiamento dos proxectos.

Deste xeito, o Primex facilitará a creación de filiais e oficinas de promoción no estranxeiro, así como ao desenvolvemento de plataformas ou proxectos cooperativos de internacionalización. O Primex enmárcase dentro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que está a promover a Xunta co obxectivo de incrementar as exportacións, as empresas exportadoras e a captación de investimentos estranxeiros nun 25%. 


No marco desta estratexia, o Primex tense probado como unha iniciativa de referencia, promovendo a colaboración empresarial para establecerse por primeira vez en novos mercados. A través deste plan téñense impulsado xa 50 proxectos de cooperación en sectores clave para Galicia como o naval, a automoción, a construción ou a alimentación. Neles participan máis de 200 empresas galegas que se están a implantar en 19 países, como Alemaña, Brasil, China, Estados Unidos, Francia, México, Panamá, Reino Unido ou Francia.