Compostela > "Atardecer no Gaiás" abre agosto con el electro-pop bailable de Is Tropical

CULTURA E EDUCACIÓN DESPIDE XULLO A RITMO DO GRUPO KOLO E DA ORQUESTRA DE CÁMARA GALEGA E RECIBE AGOSTO CON IS TROPICAL NUNHA NOVA SEMANA DE ‘ATARDECER NO GAIÁS’
  • A banda británica Kolo protagoniza o concerto do xoves, que terá lugar na praza central a partir das 21 horas
  • A Cidade da Cultura acolle un ano máis á Orquestra de Cámara Galega, que protagonizará na Sala Eisenman un atardecer dedicado ao compositor Telemann
  • Agosto comeza forte coa actuación de Is Tropical, que ofrecerá un potente directo cheo de electro-pop bailable
A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despide ao mes de xullo con dúas grandes actuacións do ‘Atardecer no Gaiás 2015’: a banda británica Kolo e o primeiro dos dous concertos que ofrecerá a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba. E o sábado, 1 de agosto, o ciclo de concertos ao aire libre da Cidade da Cultura chega ao seu ecuador cun dos imprescindibles da escena pop británica: Is Tropical.

‘Atardecer no Gaiás’ encara a recta final do seu primeiro mes traendo ata a praza central á banda británica-galega Kolo. Será o xoves, 30 de xullo, cando a praza central da Cidade da Cultura reciba a Steve Fuller (batería), Daniel Mourinho (baixo) e Jon Burnell (guitarra e voces), indie-rock británico en estado puro. Tras xirar polos mellores locais londinenses, Kolo chega ao Gaiás co seu terceiro disco baixo o brazo, ‘Do you want to rule the world’, producido en Nashville por Chris Henderson e con claras referencias de grandes bandas británicas como The Smiths ou Stereophonics. 

O mes de xullo rematará cun dos clásicos de ‘Atardecer no Gaiás’: a primeira das dúas actuacións da Orquestra de Cámara Galega, que volve á Cidade da Cultura para seguir divulgando a música clásica menos habitual. Nesta ocasión, a formación dirixida por Rogelio Groba tráenos o programa ‘Boas tardes Sr. Telemann’, no que nos convidarán a descubrir un dos compositores máis prolíficos e interesantes da historia da música occidental: G.P. Telemann (1681-1767). O concerto terá lugar na Sala Eisenman.

E agosto comezará a ritmo do electro-pop bailable de Is Tropical, un dos imprescindibles da escena pop británica do momento. Cos seus potentes directos e o tirón de internet –grazas en parte polos seus impactantes e imaxinativos videoclips, Is Tropical despregará toda a súa potencia na praza central a partir das 21:00 horas.

Último bus ás 22:45 horas

Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman.  E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.