29/7/15

El PP gallego planteará en su congreso una nueva bajada del tramo autonómico del IRPF

A rebaixa uniríase á impulsada pola Xunta en 2012 e á aplicada polo Goberno central e que está en vigor dende o 1 de xullo

A Ponencia do PPdeG pedirá unha nova baixada no treito autonómico do IRPF
 Este tipo de decisións pódense tomar neste momento grazas aos esforzos dos galegos dos últimos anos, á súa comprensión e á responsabilidade orzamentaria que levou a cabo a Xunta de Galicia
  • A revisión afectaría á inmensa maioría dos contribuíntes galegos e agárdase que se concrete xa para o vindeiro exercicio
 A Ponencia política do PPdeG pedirá unha nova baixada no treito autonómico do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas co obxectivo de poñer máis cartos nas mans dos contribuíntes galegos e, polo tanto, favorecer o consumo e contribuír ao crecemento económico. O texto, que será presentado mañá, inclúe esta proposta así como outras de carácter social, económico e de participación cidadá na vida política.

Os populares galegos apuntan que rebaixas fiscais coma esta pódense tomar neste momento grazas aos esforzos dos galegos nos últimos anos, á súa comprensión nas decisións que se adoptaron para combater a crise económica, e á responsabilidade orzamentaria que levou a cabo a Xunta de Galicia.

Os termos concretos desta baixada no IRPF dependerá da capacidade orzamentaria da que dispoña a Xunta, e tamén dos límites de treito de gasto que serán fixados na reunión no Consello de Política Fiscal e Financeira que terá lugar hoxe en Madrid. En todo caso, é a segunda vez que a Xunta pode actuar no treito sobre o que ten competencia neste tributo, algo que xa fixo no ano 2012. Polo tanto, sería a segunda baixada xeral de impostos impulsada polo Goberno galego dende que Alberto Núñez Feijóo é presidente.

A rebaixa impositiva proposta na Ponencia afectaría á inmensa maioría dos contribuíntes galegos e agárdase que se concrete xa para o vindeiro exercicio.

Esta proposta súmase  a outras como a revisión do Imposto de Sucesións e Doazóns, tamén incorporada ao texto, o que amosa que a redución da fiscalidade forma parte do ideario político do Partido Popular, como xa se viu a nivel estatal coa reforma do IRPF aplicada polo Goberno central e que está en vigor dende o pasado 1 de xullo. Precisamente, esta última modificación supón en Galicia unha inxección en 2015 de 360 millóns de euros para os seus 1.278.500 declarantes, devolvendo ao peto dos galegos 282 euros de media por contribuínte.

Os rigores da crise económica impediron que este tipo de decisións puidesen ser impulsadas antes polos populares sen comprometer a prestación dos servizos públicos, aínda que esta vontade existiu dende hai tempo.


O PPdeG é consciente que, pese a ter saído do tramo máis duro da recesión económica, parte da sociedade galega aínda segue sufrindo as súas consecuencias. Deste modo, a iniciativa complementa, no ámbito tributario, a outras de tipo social coa finalidade de axudar dende a Administración ás familias con dificultades para chegar a fin de mes como o bono social de alugueiro, o Rexistro de Vivendas Baleiras ou os acordos con distintas entidades financeiras -Abanca ou Caixa Rural Galega- para que, nos casos de desaloxamento por impagamento de hipotecas, as familias afectadas poidan permanecer no mesmo inmoble.