Feijóo vuelve a implicarse en la dinamización de los concellos del Camiño de Santiago

O titular da Xunta presidiu este mediodía en Mondoñedo o acto conmemorativo da declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte 

FEIJÓO SALIENTA QUE A POSTA EN MARCHA DUNHA FOLLA DE RUTA CON DIVERSAS ACTUACIÓNS E CO XACOBEO COMO META REDUNDARÁ NA DINAMIZACIÓN DOS CONCELLOS DO CAMIÑO E NO BENESTAR DO VIAXEIRO 

  • Destaca as iniciativas que se levarán a cabo no eido do aloxamento, co obxectivo de incrementar a oferta de albergues, destacando a construción dun albergue no casco histórico da Fonsagrada
  • No eido dos servizos, avanza a dotación de redes wifi para os albergueiros, así como a recuperación de fontes de auga e o reforzamento do Plan de asistencia sanitaria
  • Resalta a declaración de 2016 como Ano do Camiño do Norte e Primitivo; “e estamos en disposición de presentar o Plan director dos camiños este mesmo 2015, que estuda quilómetro a quilómetro as necesidades do conxunto dos camiños” 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a posta en marcha dunha folla de ruta con diversas actuacións e co Xacobeo 2021como meta redundará na dinamización económica dos concellos do Camiño e no benestar dos viaxeiros. 

Durante o acto conmemorativo da declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte, Feijóo referiuse ás iniciativas que se levarán a cabo no eido do aloxamento, co obxectivo de incrementar a oferta de albergues, destacando a construción dun albergue no casco histórico da Fonsagrada; e no eido dos servizos, coa dotación de redes wifi para os albergueiros, así como a recuperación de fontes de auga e o reforzamento do plan de asistencia sanitaria.

No tocante á promoción, o responsable autonómico lembrou a declaración de 2016 como Ano do Camiño do Norte e Primitivo. E incidiu na importancia da coordinación, non só cos actores institucionais senón tamén coas asociacións. 

“Estamos tamén a educar os máis novos sobre a importancia de preservar o noso patrimonio, a través do programa Patrimonio no Camiño e estamos en disposición de presentar o Plan director dos camiños este mesmo 2015, que estuda quilómetro a quilómetro as necesidades do conxunto dos camiños como a sinalización ou o patrimonio a detallar”, afirmou ao que engadiu que a futura Lei do patrimonio cultural de Galicia dará cobertura a todos eses esforzos, ao establecer o marco normativo que garanta a conservación e a correcta xestión patrimonial dos Camiños. 


Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou tamén as actuacións destinadas á reparación das cubertas e á restauración da Portada Oeste e das vidreiras da catedral de Mondoñedo e, logo de recordar que a pasada fin de semana chegaron a Compostela máis de 5.000 peregrinos, concluíu referíndose ao recoñecemento da Unesco ao Camiño do Norte e ao Camiño Primitivo como “un gran orgullo e unha grande responsabilidade”. Non en van pasan por dúas das catro provincias –Lugo e A Coruña-, percorren 25 concellos galegos e abranguen cinco comunidades autónomas.