Felipe VI y Feijóo pasan revista a la actualidad de Galicia tras el primer año de mandato del Rey

O presidente da Xunta foi recibido hoxe en audiencia polo Rei Felipe VI

FEIJÓO REITERA ANTE O REI QUE GALICIA É UNHA SOCIEDADE MADURA, RESPONSABLE E COMPROMETIDA CO FUTURO DOS SEUS SERVIZOS PÚBLICOS
  • Trátase do primeiro encontro que o titular da Xunta mantén con Felipe VI, cuxo primeiro ano de mandato, subliña, “foi todo un exemplo para a España de hoxe e foi moi útil para a cohesión e a vertebración do noso país”
  • Reitera ante o monarca que Galicia é unha comunidade autónoma madura “porque sabemos quen somos. Somos unha parte do Estado e somos perfectamente coñecedores da nosa importancia dentro da España constitucional e da España das autonomías”
  • Agradece a “especial delicadeza e o especial cariño” que a Casa Real ten amosado cara á Galicia, unha terra que os reis teñen visitado en varias ocasións, e á que volverán este mesmo mes, o día 16, para a entrega de despachos na escola militar de Marín
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, foi recibido hoxe en audiencia polo Rei Felipe VI, ante o que reiterou que Galicia é unha sociedade madura, responsable e comprometida cos seus servizos públicos e coa prosperidade e o benestar dos galegos e galegas. Trátase do primeiro encontro que o titular da Xunta mantén con Felipe VI, cuxo primeiro ano de mandato, subliñou, “foi todo un exemplo para a España de hoxe e foi moi útil para a cohesión e a vertebración do noso país”.

Na xuntanza, o mandatario galego agradeceu a “especial delicadeza e o especial cariño” que a Casa Real ten amosado cara á Galicia; unha terra, lembrou, que os reis teñen visitado en varias ocasións, e á que volverán este mesmo mes, o día 16, para a entrega de despachos na  escola militar de Marín.

Feijóo detallou que na reunión tiveron a oportunidade de conversar sobre asuntos de actualidade do país e, concretamente, da situación social e económica de Galicia. Ao respecto, trasladou ao monarca que “o plantexamento de Galicia é previsible e coñecido”. Segundo dixo, “somos unha comunidade autónoma madura, responsable e comprometida coa prosperidade e o benestar dos galegos”. Unha comunidade autónoma madura, proseguiu, “porque sabemos quen somos. Somos unha parte do Estado e somos perfectamente coñecedores da nosa importancia dentro da España constitucional e da España das autonomías”, remarcou.

De igual xeito, reiterou que Galicia foi unha comunidade autónoma “responsable” durante toda a recesión económica, que “chegou a fin de mes todos os meses da recesión”, que “vén pagando as súas facturas sen necesidade de axudas de ningunha outra administración pública”, e que mantivo o autogoberno constitucional blindado durante a crise “porque non precisamos o rescate nin a axuda do Goberno central”.

Na conversa con Felipe VI, Feijóo expuxo que a Comunidade galega está, ademais, “comprometida coa prosperidade e o benestar dos cidadáns” porque, a pesar da crise, dixo, “hoxe temos máis servizos públicos sanitarios, educativos e sociais dos que tiñamos cando comezou a recesión económica”.

Primeiro Embaixador do Camiño de Santiago
Por outra banda, Feijóo relatou que tamén tiveron ocasión de abordar o papel do Rei no Camiño de Santiago, posto que é o primeiro embaixador desta ruta. E, nesta liña, apuntou que lle deu conta ao monarca dos bos datos turísticos que está a rexistrar o Camiño a Compostela, posto que este ano Galicia pode marcar o récord de peregrinos desde que hai rexistros. 

Tamén lle informou de que esta mesma fin de semana os Camiños do Norte acaban de ser incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco e foron declarados Patrimonio Mundial da Humanidade, xunto coa Muralla e a Catedral de Lugo, a Basílica de Mondoñedo e o Mosteiro de Sobrado

E, finalmente, ratificou que a ofrenda ao Apóstolo proseguirá porque “hóuboa nos últimos 300 anos” e “seguirá nos 300 anos seguintes”, concluíu.