La Xunta insiste en la conveniencia de impulsar la presencia de Galicia en nuevos mercados

Nun encontro cos sectores estratéxicos da economía galega

CONDE SINALA QUE OS PLANS SECTORIAIS DE INTERNACIONALIZACION MARCARÁN A FOLLA DE RUTA PARA IMPULSAR A PRESENZA DE GALICIA EN NOVOS MERCADOS
  • A actuación, encadrada na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, busca que cada sector marque o seu elemento diferenciador, aporte valor engadido e estableza sinerxías entre diferentes industrias
  • Resalta que a Estratexia de Internacionalización, que recolle investimentos públicos de 50 millóns de euros ata 2016, se ten activado con iniciativas como o Plan Primex, así como con xornadas de especialización internacional e a próxima contratación de 100 xestores e bolseiros de internacionalización
  • A Estratexia busca que o peso das exportacións no PIB galego acade o 40% no ano 2020, e incrementar nun 25% as exportacións, o investimento estranxeiro en Galicia e o número de empresas exportadoras
  • Durante os cinco primeiros meses do ano, Galicia exportou máis de 7.500 millóns de euros, un 6,4% máis que no mesmo período de 2013, cando bateu os seus récords históricos de vendas ao exterior
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que os plans específicos de internacionalización de cada un dos sectores estratéxicos da economía galega, marcarán a folla de ruta para impulsar a presenza de Galicia en novos mercados. Durante unha xornada na que participaron representantes dos sectores, Conde resaltou que esta iniciativa, enmarcada na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, busca que cada eido económico marque o seu elemento diferenciador, aporte valor engadido e estableza sinerxías entre diferentes industrias. 

A xornada de hoxe serviu para avanzar no intercambio de información de cara a elaboración deses plans sectoriais, poñendo as bases para elaborar a folla de ruta para os 12 grandes sectores estratéxicos de Galicia: agroindustria e mar-industria, audiovisual, automoción, biotecnoloxía, enerxía, enxeñaría, loxística integrada, madeira, naval, pedra natural, téxtil e as TIC.

Todos teñen participado no diagnóstico previo da situación levado a cabo pola Xunta, no que o Goberno autonómico ten identificado en cada sector as súas dificultades, os seus retos particulares, as súas propostas transversais e de cooperación entre distintos sectores, as limitacións en medios que poidan ter sufrido, así como as oportunidades, as pancas e os freos que, coa súa experiencia internacional, xa teñen detectado.

Un esforzo, incidiu Conde, centrado nunha Estratexia que suma 50 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos e que busca que o peso das exportacións no PIB galego acade o 40% no ano 2020, e incrementar nun 25% as exportacións, o investimento estranxeiro en Galicia, e o número de empresas exportadoras, nese mesmo prazo.

Galicia está a camiñar cara eses obxectivos: en 2015 superou o ritmo exportador de 2013, ano en que a comunidade bateu os seus récords históricos de vendas ao exterior e de balanza comercial. Durante os cinco primeiros meses do ano, Galicia exportou máis de 7.500 millóns de euros, un 6,4% máis que no mesmo período de 2013, xerando unha balanza comercial positiva de máis de 1.300 millóns, unha cifra un 6,07% superior á do ano de ouro das exportacións galegas.

A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega busca consolidar ese crecemento con medidas que, subliñou Conde, xa están en marcha, como a nova edición do Plan Primex de apoio á primeira exportación, convocado esta mesma semana no DOG e que conta cun formato máis flexible para as pemes, dedicando un millón de euros a apoialas. Referiuse ademais aos obradoiros dedicados ao International Expertise Market, que a Xunta ten comezado cos sectores da biotecnoloxía e as TIC, e que continuarán en setembro cunha xornada especializada na agroindustria e a acuicultura.

Incidiu ademais no apoio aos 18 organismos intermedios, como os clústers, así como na próxima contratación das 100 persoas ás que, este mesmo ano, a Xunta seleccionará como xestores de internacionalización e bolseiros; e nos cursos de inmersión lingüística en inglés comercial, que a Consellería porá en marcha en setembro.