NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA DOTAR AOS CONCELLOS GALEGOS DE EQUIPAMENTOS DE EMERXENCIAS

A XUNTA ABRE UNHA NOVA CONVOCATORIA 
Grazas a un remanente de preto de 900.000 euros dunha convocatoria anterior máis concellos poderán optar á adquisición de 18 pick ups e 9 remolques
  • Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos cunha AVPC inscrita no Rexistro
  • A presentación das solicitudes realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia , https://sede.xunta.es, ata o día 31 de agosto

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. 

Esta convocatoria complementa a outra de principios de ano cuxa adxudicación resultou de menor contía da destinada como orzamento e que deu como resultado un remanente que posibilita a nova subministración. O obxectivo de ambas ordes é o mesmo: mellorar o equipamento de emerxencias no maior número de concellos galegos e contribuír así a un servizo máis eficiente.   

O equipamento para ceder ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil que resulten beneficiadas distribúese en dúas liñas de axuda: unha de 18 vehículos todo terreo tipo pick-up; e outra de 9 remolques para a atención ás emerxencias. A adxudicación será en réxime de concorrencia competitiva e estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O seu importe é de 884.730 euros. 

Requisitos e prazos
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que teña unha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil inscrita no Rexistro de Protección Civil de Galicia.

Ademais tamén será necesario ter presentadas as contas as contas correspondentes ao exercicio orzamentario 2013 no Consello de Contas de Galicia, así como non ter recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia para o mesmo equipamento nos últimos catro anos.

Nos casos das mancomunidades ou agrupación de concellos os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es, ata o día 31 de agosto, que é cando expira o prazo. 

Criterios de valoración e repartición
Para a concesión das axudas teranse en conta criterios como segundo o número de mobilizacións da Asociación de Voluntarios de Protección Civil, constatados polo 112 Galicia;  a ratio de voluntarios por cada mil habitantes do concello; a poboación e a extensión da entidade local; a antiguidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro; a atención ao servizo de protección civil 24 horas e o risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga. Ademais, incentivaranse as solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios, agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común. 

A resolución adoptaraa o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de valoración, procedéndose a súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia.