O Hospital Álvaro Cunqueiro inicia este luns a actividade do Hospital de día

As novas instalacións contan con 60 postos, un 76 por cento máis, para administrar aos pacientes os tratamentos ambulatorios
  • Oncoloxía creará catro novas Unidades funcionais especializadas en determinadas patoloxías e introducirá cambios organizativos orientados a realización de Consultas de Acto Único
  • O servizo de Farmacia incrementará a súa carteira de servizos con dúas novas Consultas específicas, a de tratamentos quimioterápicos e a da área pediátrica
Este luns, día 27, dáse en Vigo, un paso máis no proceso de traslado dos servizos ambulatorios do CHUVI ao Hospital Álvaro Cunqueiro, co inicio da actividade de consultas externas e tratamentos no Hospital de Día de Oncoloxía e Hematoloxía. De xeito simultáneo, para dar soporte a estes servizos, ponse en marcha unha parte do Laboratorio de resposta hospitalaria; mentres que Farmacia incrementa os seus efectivos e prestacións.
O HAC atenderá este día a 808 pacientes da área ambulatoria de todas as especialidades que xa están a traballar nas novas dependencias. Estas consultas están emprazadas na planta -1. En total, ao longo da próxima semana hai citados 4000 pacientes, que xa acudirán a este hospital para recibir atención especializada.
De xeito paralelo ao incremento da actividade, aumenta tamén o número de profesionais nese centro sanitario. O luns incorpóranse 59 traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, de tódalas categorías profesionais: 17 facultativos, 35 profesionais sanitarios (Enfermeiras e Técnicos) e sete efectivos do cadro de persoal non sanitario. No momento actual, no HAC xa están traballando máis de 300 profesionais do CHUVI .
Esta é a primeira fase do traslado destes servizos, que inician a súa actividade asistencial na área ambulatoria e que, tal e como establece o cronograma previsto, nas vindeiras semanas irase completando coa atención á hospitalización e posteriormente ás urxencias.
Subespecialización en Oncoloxía
A posta en marcha do Hospital de Día supón o inicio da actividade no HAC dos servizos de Oncoloxía Médica, con 8 especialistas, e de Hematoloxía, que arranca con catro consultas.
O Hospital de Día é o dispositivo asistencial multidisciplinar que presta atención ambulatoria a aqueles pacientes de distintos servizos clínicos, fundamentalmente oncolóxicos e hematolóxicos, que requiren de seguimento e tratamento, e que polas súas características non necesitan ingreso hospitalario. Son unha media diaria de 75 pacientes, que acoden unhas horas ao Hospital a recibir o seu tratamento farmacolóxico.
Nas novas dependencias sanitarias increméntanse nun 76 por cento o número de postos dispoñibles para administrar aos pacientes a medicación, pasando dos 34 que sumaban entre os dous hospitais, Xeral e Meixoeiro, aos 60 postos do novo hospital (54 postos e seis camas).
O xefe do servizo de Oncoloxía Médica, Joaquín Casal, asegura que un dos fitos máis subliñables desta reordenación sanitaria é a unificación dos recursos do Xeral e do Meixoeiro nun único espazo xa que “desde o punto de vista funcional esta unificación facilítanos a subespecialización, é dicir a creación de Unidades funcionais ambulatorias de patoloxías oncolóxicas concretas, con facultativos con dedicación específica a esa patoloxía.”
As novas Unidades Funcionais que se van a constituír serán tres: unha de Pulmón e Tumores Torácicos, Urolóxicos e de Otorrinolaringoloxía; a de Tumores dixestivos; e outra de Tumores de Mama, Xinecolóxicos e misceláneas (pel, sistema nervioso central e tumores neuroendocrinos).
Outra das novidades que incorporarán a carteira de servizos de Oncoloxía será unha Unidade de Consello Xenético, para o estudo da existencia de predisposición hereditaria no desenvolvemento dun determinado tipo de tumor, e que dará cobertura ao Sur de Galicia.
Ademais, as novas instalacións permitiranlles implementar cambios organizativos moi significativos na súa actividade asistencial, orientados ás Consultas de Acto Único -”queremos realizar nun solo Acto, a consulta, as analíticas e probas complementarias requiridas, e mesmo a administración do tratamento; isto é, que no mesmo día da consulta o paciente saia do hospital coas probas realizadas, coa prescrición terapéutica e xa coa primeira sesión da medicación. Trátase de ser máis resolutivos e incrementar a calidade asistencial prestada, ao ofertarlles maior axilidade, evitarlles os desprazamentos innecesarios ao Hospital, e diminuír así frecuentación hospitalaria“-afirma Casal.
Soporte de Laboratorio e Farmacia
A apertura asistencial do Hospital de Día require do soporte do servizo de Farmacia e do Laboratorio de resposta hospitalaria. Este Laboratorio multidisciplinar inicia a súa actividade, nunha primeira fase, coas especialidades de Hematoloxía e Análises Clínicos, e cun equipo de oito profesionais -tres facultativos, catro técnicos de laboratorio e un administrativo-. Nunha segunda fase, coincidindo co inicio da hospitalización, incorporarase a Microbioloxía.
En canto ao servizo de Farmacia Hospitalaria, que prepara os tratamentos citostáticos que son administrados no Hospital de Día, o luns incorpora ao novo hospital dous farmacéuticos hospitalarios e oito efectivos de enfermaría, encargados da elaboración en cabinas desa medicación quimioterápica, unha media diaria de 150 tratamentos.
Este equipo ven a sumarse aos outros dous facultativos que xa estaban no Álvaro Cunqueiro atendendo as consultas externas de dispensación farmacéutica; isto é, a pacientes que necesitan unha medicación de uso exclusivamente hospitalario pero que non necesitan de ingreso. Trátase de medicamentos prescritos polos especialistas e que non son de venda ao público, polo que non poden conseguirse nas farmacias das rúas. A maior parte destes tratamentos son moi custosos e de usos prolongados, utilizados por pacientes crónicos, sobre todo en oncoloxía, hematoloxía, enfermidades neurolóxicas e artrites reumatoide, entre outras. Diariamente, no CHUVI aténdese nestas consultas a unha media de 250 pacientes que acoden a pola súa medicación. 
Dúas novas consultas específicas de Farmacia
Ata o momento, o Servizo de Farmacia do CHUVI conta con tres consultas de atención específicas para pacientes sometidos a determinados terapias farmacolóxicas: a de tratamentos biolóxicos; a da escleroses múltiple; e a de terapias víricas (hepatite ou VIH). Segundo afirma a xefa do Servizo de Farmacia Hospitalaria do CHUVI, Guadalupe Piñeiro -“o estreo das novas instalacións nos permitirá crear dúas novas consultas específicas, a de tratamentos oncohematolóxicos e a da área pediátrica, xa que ao dispoñer dos recursos unificados podemos especializar aos profesionais en patoloxías e áreas moi concretas”-.
A consulta de tratamentos oncohematolóxicos, dirixida a aqueles pacientes con tratamentos de quimioterapia, será atendida por un farmacéutico especializado en farmacia oncolóxica. Este facultativo disporá da historia farmacoterapéutica completa do paciente, e poderá realizarlle un seguimento e control exhaustivo, estudando as posibles interaccións da quimioterapia con outros fármacos e monitorizar os seus efectos adversos.
“Moitas veces, os pacientes necesitan medicación complementaria a súa sesión de quimioterapia, como os tratamentos de soporte para diminuír ou evitar os vómitos, os estimulantes das defensas, ou as enxaugaduras bucais. Ata agora, eran atendidos nunha consulta de farmacia hospitalaria xeral, mentres que na nova consulta disporemos dun farmacéutico con formación específica neste campo, e dedicación exclusiva a estes pacientes. Isto posibilita incrementar a calidade asistencial, ofertando aos usuarios unha atención máis personalizada e reforzando a información que solicitan”-explica Guadalupe Piñeiro.