27/7/15

O PORTAL DE PROMOCIÓN TURÍSTICA DA XUNTA INCREMENTOU NÚMERO DE USUARIOS UN 25% NO ÚLTIMO ANO

Con 1.658.508 usuarios no que vai de ano, fronte a 1.344.481 do mesmo período do ano anterior, o portal de información e promoción turística da Xunta de Galicia incrementou o número de persoas que visitan esta web nun 23,6%. 

Este servizo de información e promoción turística da Xunta de Galicia rexistrou tamén unha suba no número de páxinas vistas polos usuarios, que desde o 1 de xaneiro se situou no 8,09%, o que supuxo 4.366.547 páxinas vistas fronte ás 4.039.630 do ano anterior.

Polo que respecta aos países que máis visitan o portal turístico de Galicia, logo de España, sitúase Francia, os Estados Unidos, Portugal, Alemaña. Arxentina, Reino Unido, Suíza, Italia e México.
Dispositivos de acceso
Nesta comparativa entre o que vai do ano 2015 e o mesmo período de 2014, o desglose por tipo de dispositivo de acceso indica un incremento das consultas a través de teléfono móbil. Aínda así, o ordenador persoal segue a ser o dispositivo máis empregado para acceder á web de Turismo de Galicia, cun 55,51% no que vai de 2015, fronte ao 56,14% do mesmo período do ano anterior.

Por outra parte, o teléfono móbil foi empregado no 33,32% dos accesos en 2015, fronte ao 33,34% de 2014; mentres que o acceso dende tablet supuxo en 2015 o 10,97% dos accesos fronte ao 10,52 % do ano pasado

Fontes de tráfico
Canto ás fontes de tráfico cara a web de información e promoción turística da Xunta de Galicia, estas son o buscador Google, que representou  neste período de 2015 un 73,14% das visitas fronte ao 78,12% de 2014; e o tráfico directo á web, que representou o 16,30% en 2015, fronte ao 13,71%, de 2014.

O resto de buscadores e as referencias recibidas das redes  sociais completan o mapa de fontes de tráfico á web turística da Xunta.

Polo que respecta aos apartados máis salientables do portal dentro das páxinas estáticas, os recursos turísticos de Galicia constitúen os datos de maior interese para os usuarios.

En segundo lugar, as maiores consultas dos usuarios fan referencia aos propios destinos turísticos, seguidas das  experiencias turísticas e da información turística xeral da comunidade galega.

Dentro das páxinas dinámicas, o máis visitado polos usuarios do portal turístico da Xunta de Galicia fan referencia, por orde, aos apartados ‘que visitar`, ‘onde aloxarse’, ‘que facer’ e ‘onde comer’.


O portal web de Turismo de Galicia conta na actualidade con contidos en seis idiomas: galego, castelán, portugués, inglés, francés e alemán.