Otra vez la Xunta promociona las conservas de pescado gallegas en los bocatas de los niños

UN TOTAL DE 11.000 NENOS  CONSUMIRÁN CONSERVAS DO MAR DA MAN DA CAMPAÑA “PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA”
  • A Consellería de Medio Rural e do Mar fomenta o consumo de produtos en conserva entre os máis cativos a través de diferentes actividades
  • A campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata” estase a desenvolver pola xeografía galega por quinto ano consecutivo
A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, participou esta mañá nos obradoiros da campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata” que se desenvolveron na Casa da Cultura de Boiro. Esta iniciativa pretende promover o consumo de conservas na dieta dos máis cativos, achegándoas ao seu mundo dun xeito ameno e aumentando o seu coñecemento e interese por este produto.

A actividade, promovida pola Consellería de Medio Rural e do Mar en colaboración con ANFACO-CECOPESCA, lévase desenvolvendo dende o ano 2010 e neste período chegou a máis de 40.000 nenos de todo o territorio galego. As previsións indican que outros 11.000 rapaces participarán nos obradoiros ao longo dos meses de xullo e agosto deste ano, que se complementarán con excursións a zonas costeiras e visitas a museos.

Nos obradoiros, os nenos coñecen máis sobre os valores nutritivos das conservas, así coma as súas distintas formas de presentación. Realízanse tamén actividades de elaboración de bocadillos de conservas nas que se busca a súa maridaxe con produtos da terra. Ao remate, os asistentes reciben uns agasallos de promoción, entre os que se inclúe un pequeno receitario.

A campaña pretende ter unha continuidade máis aló dos talleres a través dunha unidade didáctica dirixida a etapas de primaria que ten como finalidade fomentar unha alimentación sa e equilibrada. Por outra banda, os rapaces tamén teñen acceso a unha páxina web (http://www.ponlleaspilasaoteubocata.xunta.es/ ) con contidos  exclusivos, receitas e xogos.