Tribunal de Xustiza europeo abre a porta para que os xornalistas que traballan para a Administración cobren antigüidade

O pasado 9 de xullo a Sala Terceira do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, presidida por M. Ilesic, emitiu unha novidosa sentenza que abre a porta para que os xornalistas que prestan servizos nas administracións e institucións españolas equiparen os seus dereitos cos restantes traballadores.
A devandita sentenza recoñécelles o dereito a cobrar antigüidade, en forma de trienios e quinquenios, como ao resto dos funcionarios.
Gran parte dos xornalistas que prestan servizos nas distintas administracións teñen que facelo baixo a figura de "personal eventual ou de confianza", antiga figura regulada dende os anos 50 do século XX para os postos de asesoramento dos políticos, ao non existir nas Relacións de Postos de Traballo das institucións suficiente número de postos para xornalistas.

De resultas da interpretación que daban ata o de agora todas as administracións públicas do estado español ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), estes xornalistas, polo carácter eventual do seu posto, non tiñan dereito á percepción de trienios e quinquenios como expresión do dereito á antiguidade.
Esta discriminación motivou a loita sindical que unha funcionaria eventual do Consello de Estado mantiña dende 2012, cando, tras pedir que se lle recoñecese a igualdade laboral co resto dos traballadores, viu denegada a súa petición e acudiu ós tribunais.
Tras reiteradas negativas a recoñecerlle o dereito a cobrar antigüidade, o Tribunal Supremo de España formulou directamente unha consulta ao alto Tribunal Europeo. A resposta deste é tallante ao fixar que os dereitos dos traballadores eventuais son os mesmos cos do resto dos traballadores "con contrato de duración determiñada" e polo tanto abre a vía para que todos os xornalistas e o resto de profesionais acollidos á figura de "traballadores eventuais" poidan reclamar agora a antigüidade que xeraron naqueles periodos.
O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) insta ás administracions a recoñecer a todos os traballadores da información os dereitos que lles recoñece esta sentenza da xustiza europea, sen necesidade de que teñan que pasar o trámite de recorreren de maneira individual aos tribunais españois.