23 a 26 de agosto, en Cangas, llega el año 18 del festival internacional de Jazz

CANJAZZ 2015: O FESTIVAL DE JAZZ MÁIS ANTIGO DE GALICIA

Celébrase en Cangas dende o 23 ao 26 de agosto

O XVIII Festival Internacional de Jazz de Cangas, organizado pola Asociación Cultural Canjazz, da comezo este domingo 23 de agosto e acollerá catro días de concertos e numerosas actividades. A presentación do evento en rolda de prensa correu ao cargo do concelleiro de Cultura, Heitor Mera, o deputado provincial, Xosé Leal e os organizadores do evento. 

Catro días de concertos e numerosas actividades entre as que destacan os concertos no Eirado do Costal con pasarrúas, as tradicionais jam sessions en diferentes locais da vila, contacontos e unha exposición sobre a historia do jazz.

Dende a organización amosaron a súa intención de facer vivir plenamente o jazz, ocupando mañás, tardes e noites. Aproveitaron a ocasión así mesmo para agradecer á nova corporación o seu compromiso e agardan que a súa implicación sexa “igual ou maior nos vindeiros anos por parte das institucións”. 

Pola súa banda,  o concelleiro de Cultura de Cangas, Heitor Mera, precisou o seu propósito de “darlle pulo ao evento para que continúe e evolucione” xa que “aporta plus de calidade e prestixio á vila”. O deputado provincial, Xosé Leal, que coñece de cerca o festival, non quixo perder a ocasión de “apoiar a presentación dun evento de referencia a nivel comarcal, provincial e autonómico”. Destacou a importancia que ten este festival e a súa importancia cultural, xa que “serviu para que moita xente descubra o jazz”. 

Programación Canjazz 2015
Eirado do costal – 22:30h
O encargado de abrir a programación do escenario principal no Eirado do Costal será o saxofonista Joào Guimaràes o domingo 23. Este mesmo día, na Taberna O Rincón, estará o saxofonista Toño Otero quen rende homenaxe a Johnny Hartman e John Coltrane. Na noite do luns, será o malagueño José Carra  acompañado polo sexteto orixinal de gravación e o martes, tres referentes musicais do panorama estatal: Moisés P. Sánchez, Toño Miguel e Borja Barrueta. 

Como cada ano, a organización reserva tamén un día para o jazz galego, que terá lugar a noite do mércores 26, onde os protagonistas serán Telmo Fernández e o seu Organ Trio.

Jam sessions – 00:15h
Cada noite, unha vez finalizada a programación do Eirado do Costal, músicos das rías baixas abrirán as jam sessions en diferentes locais da vila.

Sesión vermú – 12:00 a 15:00h
Estarán amenizadas pola GDjazz Street Band, un pasarrúas ao estilo de Nova Orleans e narracións de fragmentos do libro “Contos da era do jazz” de Francis Scott Fitzgerald.

A tarde do luns 24 tamén haberá contacontos musical para nenos na librería El pozo de los tres deseos.

Exposición fotográfica

O Auditorio Municipal de Cangas acollerá a exposición  “Un século de jazz”, unha retrospectivas sobre a historia do jazz a través de fotografía se textos realizada por André Fernández Places.