2/8/15

Aumenta la facturación del organismo Portos de Galicia

PORTOS DE GALICIA AUMENTA A SÚA FACTURACIÓN NUN 2,98 POR CENTO CON RESPECTO AO MESMO PERIODO DO ANO ANTERIOR 
  • Os peiraos de Ribeira, Burela e Celeiro lideran o listado de descargas de peixe fresco e Malpica rexistra porcentualmente a maior suba, cun 352,63% respecto do mesmo período de 2014
  • No apartado de descargas de túnidos conxelados, na Pobra do Caramiñal prodúcese un lixeiro ascenso do 3,38% e en Ribeira aumenta considerablemente ata acadar un 83,44 por cento
 O ente público Portos de Galicia aumentou nun 2,98 por cento a súa facturación con respecto ao mesmo período do ano anterior, é dicir, o correspondente ao primeiro semestre do ano en curso. Así o pon de relevo o informe de xestión do ente público elaborado para os primeiros  seis meses do ano 2015.

Destaca o incremento da facturación na taxa de actividades comerciais, industriais e de servizos (Taxa CIS) nun 13,32 por cento, os canons nun 4,91 e finalmente a X-5 nun 11,83 por cento, e que corresponde á taxa para embarcacións deportivas e de lecer.

En canto ás descargas de peixe fresco nos peiraos de titularidade autonómica, este indicador rexistrou un incremento interanual do 20,72% nos primeiros seis meses deste ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de xuño, as descargas de peixe fresco situáronse en pouco mais de 43.900 toneladas, o que supuxo un valor en primeira venda de máis de 100,4 millóns de euros. 

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Ribeira, con 13,6 millóns de quilos acumulados no primeiro semestre do ano; Burela, cun pouco mais de 11,7 millóns de quilos e Celeiro con máis de 8,9 millóns de quilos. Cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Malpica, que continúa coa súa tendencia ao alza e foi o que rexistrou porcentualmente a maior suba respecto ao acumulado no mesmo período de 2014, cun 352,63%. Por detrás en suba porcentual sitúase Portosín, cun 199,73% interanual. 

En canto ás mercadorías principais cargadas e descargadas nos peiraos comerciais, por unha banda sofre unha pequena baixada o de Ribadeo coa pasta de papel, mentres que no de Celeiro aumentan nun 77,80% as descargas de cuarzo. No apartado de descargas de túnidos conxelados, na Pobra do Caramiñal prodúcese un lixeiro ascenso do 3,38% e en Ribeira aumenta considerablemente ata acadar un 83,44 por cento. En Burela, no que a descarga de madeira en bruto se refire, mantense practicamente sen movemento neste mesmo período.