Bueu actualidad : O CONCELLO HOMENAXEA AOS MEMBROS REPRESALIADOS DA CORPORACIÓN DO 1936

O CONCELLO HOMENAXEA AOS MEMBROS REPRESALIADOS DA CORPORACIÓN DO 1936, O SÁBADO 5 DE SETEMBRO

O Concello de Bueu homenaxeará o vindeiro sábado 5 de setembro aos membros da corporación do 1936 represaliados polo réxime franquista. Ao acto, que posiblemente sexa ás 12 do mediodía, acudirán os membros da corporación e representantes das familias dos homenaxeados. 
Este acto de homenaxe, aprobado no pleno do 25 de agosto de 2012 a petición da Asociación de Amigos Johán Carballeira, ten sentido debido a que en decembro de 1936 se celebraron dous consellos de guerra, nos cales se impuxeron severas penas de morte contra vinte e seis veciños, entre os cales estaban o alcalde e varios concelleiros. Ademais, tamén foron paseados cinco veciños cando intentaban fuxir dos calabozos, entre eles dous concelleiros. Os motivos tamén recordan que foron paseados dous veciños, o tenente alcalde e o tesoureiro municipal cando estaban detidos polos sublevados.  Tras estes tráxicos sucesos tírase a conclusión de que os trece membros da corporación municipal que encabezaba Johán Carballeira foron represaliados, de aí a razón de ser deste acto.
Así, adoptarase o nomeamento de membros honoríficos e predilectos para os concelleiros Francisco Piñeiro Barreiro, Franscisco Escaneo Franco, Francisco García Villanueva, José Bernárdez Santaclara, Francisco Padín Novas, Ramón González Soliño, Manuel Casaleiro Pereira, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez, Ramón Pastoriza Gestido e Manuel Gutiérrez López, e membro honorífico adoptivo (por non ser nado en Bueu) ao daquela alcalde José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. Ademais, tamén se fará unha mención especial ao tesoureiro municipal, Ricardo Gómez Buceta, debido ao desagravio público e persoal ao que foi sometido con atentados e mentiras sobre o exercicio do seu cargo, polo que foi acusado de roubo co mero propósito de colocar a unha persoa afín ao réxime no seu posto.
Durante estas dúas semanas, o Concello porase en contacto con parte das familias das que ten datos, e fai un chamamento especial á colaboración dos cidadáns para atopar a descendentes de catro deles. En concreto, se calquera coñece algún tipo de vínculo de Ramón González Soliño, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez e Ramón Pastoriza Gestido pode poñerse en contacto no número de teléfono 673 25 64 50 (Hortensia).
Esta iniciativa xorde para revitalizar a memoria histórica e política dos que foron sometidos polo franquismo por defender as súas liberdades. 


FECIMO APOIA O FICBUEU CUNHA CAMPAÑA DE VINILOS EN TODOS OS ESTABLECEMENTOS BUENENSES

Quedan dúas semanas para un dos grandes acontecementos máis famosos e recoñecidos da nosa vila, e desde FECIMO impulsan a campaña “Bueu ten un comercio de película”, para que os comercios da zona vistan as súas mellores galas e presenten unha película que os represente. Así, realizarase unha decoración conxunta para os comercios participantes cun atractivo vinilo, no que cada establecemento terá un fotograma dunha película, así como algún elemento que o identifique. As persoas que desexen participar deberán acertar un número determinado de películas e depositar o seu boleto de participación na sala Domínguez Búa e no Centro Social do Mar entre o 3 e o 12 de setembro. O sorteo realizarase o sábado 12 á media noite, e incluirá cheques compra nos establecementos participantes. 
Os que estean interesados poden inscribirse no teléfono 986 30 50 00 ou no correo fecimo@fecimo.es.


ÚLTIMO PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DEPORTIVAS DO CONCELLO DE BUEU

O Concello de Bueu ten abertas as inscricións para participar nas actividades deportivas e de ximnasia para maiores que se van celebrar en diversos lugares e horarios, e no que os buenenses poderán inscribirse descargando o formulario da páxina web do Concello ou ben acudindo ao Departamento de Cultura. Así haberá ximnasia para adultos, pilates, prenatal, matroximnasia, ximnasia para persoas con discapacidade intelectual e Párkinson e ximnasia para as de mobilidade reducida, ademais de ximnasia para maiores. Haberá varios grupos por actividade, e os interesados poden anotarse ata finais deste mes. Iso si, hai que ter en conta que teñen preferencia os empadroados en Bueu e os inscritos no curso pasado.
Así, no mes de xuño abriuse o prazo para que os do curso anterior se matriculasen, e durante xullo e agosto para os interesados novos, e establécese unha orde de preferencia para atender da maneira máis xusta posible a grande afluencia de persoas asistentes a estas actividades nos últimos anos.

As actividades comezarán o 5 de outubro e rematarán o 30 de xuño de 2016. Todas as actividades serán de balde, agás pilates que terá un custe de 10 euros por mes.