BUEU : O V MEMORIAL PACO CABANILLAS ESTRÉASE ESTE ANO CON CAMBIO DE PERCORRIDO

O V Memorial Paco Cabanillas terá un novo percorrido este ano en Bueu. A carreira de 10 quilómetros que se vai celebrar o vindeiro sábado 29 de setembro terá saída desde o pavillón Pablo Herbello, percorrendo Montero Ríos e Petís, pasando pola casa de Paco Cabanillas, rodeando a lonxa e a praza e regresando a Montero Ríos. Trátase dun percorrido coma sempre urbano, pero que se mudou para facelo máis atractivo e vistoso, tanto para os participantes como para os visitantes, ao tempo que se conta co pavillón que é un aumento das capacidades loxísticas. Ademais, entre as novidades, este ano tamén se conta con cronometraxe oficial da Federación Española de Atletismo, e que se dará aos participantes unha botella de auga na metade da proba. Os organizadores do Club Corredoiras destacan que se trata dunha carreira cunha parte moi importante de solidariedade, polo que piden a axuda dos cidadáns, e informan de que os alimentos máis necesarios son galletas, conservar, patacas e aceite.
As inscricións están abertas ata as 12 h da mañá para a carreira de 10 quilómetros, e ata as 22 para as de velocidade.
Na presentación en rolda de prensa de hoxe á mañá estiveron o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de deportes, Manuel Otero, Francisco Cabanillas, o fillo do homenaxeado, e Ricar e Roberto, presidente e secretario respectivamente do Clube Corredoiras. 
Otero destacou que se agarda a presenza do atleta barcelonés, Ángel David Rodríguez para a proba de 100 metros, un corredor moi recoñecido a nivel nacional e que nestes días se atopa pola zona e manifestou o interese de participar. 
O concelleiro de deportes tamén fixo unha coidada presentación do atleta homenaxeado, o buenense Paco Cabanilla, coñecido na zona de Marín como Sobral e que “correu e se converteu  nun atleta a base de esforzo cando aínda non existían os medios actuais, e por iso ten aínda máis mérito”.

Pola súa banda, Juncal resaltou o seu orgullo por botar a vista atrás e ver que existiron persoas que actuaron “como puntas da lanza” do que hoxe facemos en Bueu. Nese aspecto salientou esa unión entre as persoas que no pasado fixeron cousas pola nosa vila e das que hoxe a xente moza toma o temón “crecendo en valores”.