23/8/15

Deputación ofrece primeros datos del nuevo curso en el "Príncipe Felipe"

O Príncipe Felipe recibirá 210 nenos nos seus centros de acollida este curso
O organismo provincial resolveu xa as solicitudes de admisión para os rapaces que estarán no centro de día e en réxime interno O Príncipe Felipe recibirá este curso a 210 rapaces de entre cero e dezaoito anos, con problemas familiares ou en risco de exclusión social, que utilizarán o servizo dos centros de acollida tanto en réxime interno coma sen pernoctar nas instalacións.

 O organismo, dependente da Deputación provincial, celebrou unha comisión de avaliación a pasada semana para estudar de xeito individualizado todas as solicitudes para o internado. No caso do centro de día a comisión xa está pechada dende o mes de xuño. As listas de admitidos están resoltas e agora comezarase o proceso de apertura dos expedientes para iniciar o curso a pleno rendemento.
 O Príncipe Felipe é o centro das súas características máis grande de toda Galicia. Traballa acollendo os nenos que carecen dun ambiente familiar adecuado, en risco de exclusión ou con algún tipo de dificultade co fin de proporcionar un entorno que lles permita adquirir un desenvolvemento integral. Parte deles chegan por indicación dos profesionais dos Servizos Sociais da Deputación provincial e outra parte a través de ordes da Xunta de Galicia.
 Segundo a súa idade e características (faise unha avaliación individualizada sobre o proxecto educativo que precisan, o tipo de control ou as relacións sociais máis idóneas) os rapaces divídense en tres centros.
 O primeiro deles é o Centro infantil, para nenos recén nacidos, ata sete ou oito anos no caso de estar en réxime de internamento e de catro meses ata oito anos no centro de día. Conta cunha traballadora social e cun psicólogo.
Este ano acollerá a 85 rapaces, dos cales 18 pernoctarán nas instalacións e os demais volverán ás súas casas pola noite para estaren coas súas familias. Todos eles estarán divididos en cinco unidades de convivencia, unha especie de fogares nos que se intenta que a vida cotiá transcurra do xeito máis parecido ao de calquera familia.
Os nomes das unidades de convivencia do centro materno-infantil, que contan con todos os elementos dunha casa (cociña, sala de estar, habitacións, baños...), son: Nidos (para os bebés), Pingüi, Duendes, Colores e Arco da Vella. Outro centro, xa de carácter infanto-xuvenil, é Agarimo, que acolle a menores de 8 a 18 anos en réxime de internamento e de 7 a 16 anos no centro de día.
Conta cunha traballadora social e unha psicóloga, que son a referencia adulta dos nenos no centro. O curso 2015-2016 servirá como fogar a 59 nenos (27 internos), que tamén estarán divididos en cinco unidades de convivencia. Estas chámanse Lúa, Brincos, Xerme, Xanela I e Xanela II, que é só para os menores do centro de día e funciona cun horario de 13.00 a 20.00 horas, de luns a venres. O último centro de acollida de Príncipe Felipe é a Escola-Fogar, que atende a rapaces de 8 a 18 anos en réxime de internamento e de 7 a 16 anos no centro de día.
Durante este curso que comeza estarán internos 37 rapaces, atendidos por unha traballadora social e unha psicóloga, xunto con outros 29, que volven ás súas casas pola noite e a fin de semana. As unidades de convivencia son A Casiña, Bule Bule, Musgo, Bolboreta e Barullo, esta última tamén só para os rapaces do centro de día.
 A escolarización regrada dos 210 nenos das casas de acollida realízase nos diferentes centros educativos da cidade, xa sexan alumnos de Infantil ou Primaria ou ben de Secundaria, Bacharelato ou FP. Dende o Príncipe Felipe organízase unha ruta de transporte para levar e recoller os menores dos seus respectivos colexios. Os centros de acollida de Príncipe Felipe son unha parte de todas as instalacións que acolle a Cidade Infantil en Montecelo.
A Deputación provincial tamén presta o servizo da Unidade de Primeira Atención, onde se acollen rapaces por situacións de urxencia remitidos dende a Fiscalía ou a Policía. Outro dos servizos dependentes da Deputación provincial é a Escola de Educación Infantil 'Chupetes', para nenos de 0 a 3 anos, que está aberta á cidadanía en xeral cun modelo de quendas único en Galicia para dar resposta aos pais que traballan en diferentes horarios. Funciona de modo ininterrompido de 7.30 a 22.30 horas.