26/8/15

EDUCACIÓN INVISTE ESTE ANO MÁIS DE 750.000 EUROS NA REFORMA E MELLORA DUN TOTAL DE 34 CENTROS EDUCATIVOS DE VIGO E A SÚA ÁREA

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o IES Carlos Casares onde se reformou a acometida e a instalación de fontanerías cun investimento superior aos 54.000 euros.
  • A maioría dos traballos están rematados ou en avanzado estado de execución para que os centros estean listos de cara ao vindeiro curso escolar 2015/2016.
  • En Vigo cidade tamén se realizaron obras de reforma na EEI Monte da Guía, no CEIP San Salvador de Teis, CEIP Illas Cíes, CEIP Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Castelao, Ricardo Mella ou no IES Valadares, entre outros.
  • Nos últimos anos a Xunta de Galicia leva investidos máis de 19 millóns de euros neste tipo de reformas, ampliación e mellora (RAM) dos centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial. 
  • Neste senso, a cidade de Vigo recibiu a maior partida económica cunha contía que supera os 12 millóns de euros.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de investir este ano máis de 750.000 euros para levar a cabo traballos a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) nun total de 34 centros educativos de Vigo e a súa área territorial. Concretamente, actúase en 20 colexios de Primaria e 14 de Secundaria dos concellos de Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, Moaña, Cangas, O Porriño, Mos, Redondela e Salvaterra do Miño.  

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o IES Carlos Casares  na cidade olívica, un dos centros de educación secundaria nos que se levaron a cabo este tipo de reformas. Neste centro reformouse a acometida e instalación de fontanería xa que as condicións de auga do centro eran de ferro galvanizado e co paso do tempo e máis a acción do cloro residente na auga produciuse a súa oxidación interior. A maior afastamento existía o problema de que a actual acometida de auga atópase no punto máis baixo da parcela do centro o que combinado coa presión da rede fixo necesaria un grupo de presión para poder abastecer os puntos do consumo do último andar. A actuación que está en curso de execución e está previsto que remate a semana próxima tivo un investimento superior aos 54.000 euros. 

Acompañada pola directora do centro, Carlos Bartolomé, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do centro educativo.

A delegada destacou así o investimento realizado nos centros de Primaria e Secundaria explicando que na cidade de Vigo tamén se realizaron melloras para o vindeiros curso escolar na EEI Monte da Guía, no CEIP San Salvador , no CEIP Illas Cíes, e nos IES Álvaro Cunqueiro, Castelao, Ricardo Mella ou no IES Valadares, entre outros.

Pola súa banda, nos concellos da área territorial hai que sinalar entre as actuacións máis importantes nos centros de Primaria: o cambio de cuberta no CEIP Belesar de Baiona (137.000 euros); a reforma do comedor do CEIP Neira Vilas de Gondomar (34.000 euros); a reforma da instalación eléctrica do CEIP Humberto Juanes de Nigrán (60.000 euros); a reparación da cuberta do patio e vestiarios do CEIP Laredo-Chapela en Redondela (16.000 euros) ou a adaptación para ximnasio no CEP Carlos Casares de Salvaterra do Miño (55.000 euros). Mentres, no que se refire aos centros de Secundaria, as obras máis relevantes son: a reforma da cuberta do ximnasio do IES Val Miñor en Nigrán (25.500 euros) ou a mellora da instalación eléctrica do IES Pino Manso do Porriño (27.000 euros). 

Estas actuacións inclúense dentro do paquete de intervencións deseñado polo departamento de Educación para a posta a punto dos centros educativos de cara ao comezo do vindeiro curso escolar 2015/2016. Deste xeito, a Xunta de Galicia traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos.

Investimentos en Vigo e área
Bravo Bosch amosou así o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da área territorial de Vigo durante os últimos anos. Exemplo disto son os 19 millóns de euros que o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez destinou soamente a diferentes obras que van a cargo do RAM (reforma, ampliación e mellora) dos centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial no período 2009-2015. 


Neste senso, Vigo cidade foi a máis beneficiada xa que no mesmo período de tempo a Xunta de Galicia investiu máis de 12 millóns de euros para o mesmo fin nos centros educativos da cidade.