G.P. Cidade de Vigo ofrecerá "dous días apaixoantes" de ciclismo na fin de semana

A mellor proba ciclista de Galicia que se celebra esta fin de semana en Vigo, para ciclistas afeccionados, copará o interese da cidade durante toda a derradeira fin de semana de agosto e en pleno casco urbano. O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou a 42 edición do Gran Premio Cidade de Vigo acompañado polo presidente do Club Ciclista Vigués, Carlos Vidal, entidade organizadora, e do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz.


Unhas 450 bicicletas daranse cita o sábado na avenida García Barbón e o domingo na Porta do Sol e na Praza do Bicentenario nunha edición para a que se esperan equipos de Portugal, Asturias e Castela-León. "Estamos co ciclismo e creemos que vai ser unha fin de semana de moita paixón. Ademais, disputándose agora a Volta Ciclista a España, esta é unha boa oportunidade de ver unha proba con tradición, o complemento perfecto para a Volta profesional", explicou o edil de Deportes, Manel Fernández.

O Gran Premio, unha das probas deportivas máis antigas de Vigo, gana este ano en participación ao reunir durante dous días a todo o ciclismo galego non profesional de estrada.

"É un gran festival de ciclismo e o único na comunidade autónoma", sostivo Carlos Vidal. Entre as dúas xornadas acumúlanse ata cinco probas diferentes, o que provocará variedade e emoción. O sábado moveranse polo centro urbano unhas 250 bicicletas e 200 o domingo.

A partires das 17:30 horas do día 29, en García Barbón, no tramo entre Santiago de Vigo e Serafín Avendaño, o C.C. Vigués montará un circuíto duns 1.500 metros que contará con exhibición das escolas municipais, unha gymkana para alevines e infantís, que animará toda a tarde, e unha proba de fondo junior. Tralas primeiras carreiras de base, o prato forte serán as tres carreiras para elite e sub 23: unha de fondo (20 voltas), sobre as seis do serán, unha de sprints (15 voltas con sprint en cada unha) e unha de eliminación, moi espectacular. Elimínanse dous ciclistas en cada quenda ata que queden 10 ou 11. Logo irán saíndo dun nun.

E o domingo, quenda para os escaladores. Ás 9:30 horas haberá unha crono-escalada entre Porta do Sol e O Castro (3,5 quilómetros).

O programa rematará coa subida dende a Praza do Bicentenario (cruzamento de Camelias con Venezuela) ao monte do Castro por Marqués de Alcedo e Manuel Olivié, dando varias voltas ao circuíto Paseo dos Cedros-Paseo Cronista Álvarez Blázquez, quince para elite e sub 23 e cinco para cadetes e féminas. Ás 12:00 horas sairán as categorías cadete e feminina, concluíndo a xornada cos elite e sub 23.

"Vigo é un exemplo en promoción de eventos deportivos e a fin de semana o Gran Premio converterá a cidade na capital do ciclismo galego", concluíu Muñiz.