" I FESTIVAL DA CERVEXA ARTESANAL", este fin de semana en Cangas

Esta fin de semana, dende o venres día 14 ata o domingo 16 de agosto celébrase na vila o Festival da Cervexa Artesá de Cangas. Un evento gastronómico e cultural organizado pola “Asociación para la Divulgación de la Cultura Cervecera Artesana de Galicia” (ADICCAG) que contará con oito postos de distintos produtores galegos de cervexa artesá. 

Os fabricantes galegos que acoden ao festival son: Menduíña, Aurium, Chops, Monterrey, Vacaloura, Bubela, Galpón Vía e Orballo. En total, poderanse degustar arredor de 30 variedades de cervexa diferentes. Todos eles contarán cun posto no que se poderá solicitar información sobre a fabricación da cervexa artesá: como a fan, con que estilo ou cales son os ingredientes que empregan. Ademais da cervexa, haberá produtos como xamón, pan ou marisco. 

O festival dará comezo o venres ás 19:00 horas ata as 00:00/01:00 horas e o sábado e domingo o horario será de 12:00 horas a peche. O evento contará tamén con varias actuacións diferentes: o venres Ludovaina (folk/Cangas); o sábado Champurrada (rock/Poio) e o domingo Comando Vinilo (dj/Cangas).

O festival, que pretende difundir a cultura artesá de cervexa galega, estará situado no aparcadoiro en fronte das naves de Ojea. O festival contará con prezos populares: a caña terá un prezo de 2,5 euros e os vasos de cristal custarán 0,50 euros, co fin de financiar aos músicos.

Cervexa Menduíña
Á presentación acudiu Alberto Fernández organizador do evento e fabricante da cervexa Menduíña, anfitrión do primeiro festival cangués. Menduíña está sendo moi galardoada a nivel nacional, acadando certo prestixio e calidade, e conseguindo catro medallas (unha delas en Dublín).


Menduíña conta con 4 distribuidores ademais da súa tenda virtual e ten unha tirada anual de case 40.000 litros ao ano. En Cangas, teñen venta directa na adega. Como dato relevante, destacar que esta cervexa é a primeira cervexa artesá sen glute de España, que saíu ao mercado hai un pouco máis dun mes.