Más de 20.000 tarjetas en menos de 4 meses de funcionamiento : el Transporte Metropolitano en el área de Vigo camina firme

VENDIDAS MÁIS DE 20.000 TARXETAS DO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO EN MENOS DE CATRO MESES EN FUNCIONAMENTO
  • Estes dispositivos, necesarios para beneficiarse dos descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas, poden adquirirse nun total de 24 oficinas de Abanca
  • O emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano tamén ofrece aos usuarios un sistema de billete único que facilita a intermodalidade, xa que na área de Vigo, este Plan inclúe o transporte de ría
  • As tarxetas poden adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI
Dende a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo, a finais de abril, vendéronse 20.600 tarxetas do Plan de Transporte Metropolitano, polo que os usuarios xa se están a beneficiar dos descontos que ofrece este plan de mobilidalidade. 

Vigo é o concello que lidera o número de venta de tarxetas, con 6.085; seguido de Cangas, con 5.294 e, en terceira posición, sitúase o concello de Moaña con 2.372 tarxetas vendidas. Nos municipios de Redondela, Nigrán e Gondomar superáronse o millar de tarxetas vendidas, con 1.874, 1.752 e 1.539, respectivamente.

Estes dispositivos están dispoñibles nun total de 24 oficinas distribuidoras de Abanca poderán adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros.

O emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano ofrece aos usuarios descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas e un sistema de billete único que facilita a intermodalidade, xa que na área de Vigo, este Plan inclúe o transporte de ría.

Así mesmo, os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, teñen unha bonificación adicional do 15% e os membros de familias numerosas obterán descontos de entre o 20% (categoría normal) e o 50% (familia numerosa especial). Estas bonificacións adicionais serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga dous meses despois na tarxeta con tan só introducila no caixeiro automático. 

Este programa de transporte público está impulsado pola Xunta de Galicia e 12 concellos da comarca (Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Pazos de Borbén), que tamén beneficiarán aos cidadáns que realicen os seus desprazamentos entre Vigo e eses municipios empregando a tarxeta.

Plan de accesibilidade
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de licitar a redacción do plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro de Vigo. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.

As melloras comezaron polas bonificacións aos usuarios, e agora avánzase un paso máis, que debe incidir fundamentalmente no tempo de viaxe, cuestión que está condicionada pola conectividade das redes de transporte urbano e metropolitano, e nos puntos de acceso deste último sistema de transporte nos ámbitos urbanos.

No caso de Vigo, ao igual que na área da Coruña, o plan de accesibilidade deberá ter en conta o incremento de usuarios do PTM, coa mellora da súa accesibilidade nos respectivos centros urbanos e da conectividade entre ambas redes, urbana e metropolitana.


A Xunta está a mellorar a mobilidade na Comunidade galega, grazas ao uso do transporte público metropolitano máis atractivo para o usuario ao dotalo dun mellor acceso aos núcleos urbanos, reducindo os tempos de viaxe e o número de transbordos a realizar.