22/8/15

Mosquera en O Morrazo : continúan las predicaciones del nuevo tiempo que -para basuras y movilidad- pretende Deputación en la provincia

A DEPUTACIÓN E OS CONCELLOS DIALOGAN 
NA BUSCA DUN NOVO MODELO DE XESTIÓN DO LIXO
PARA O MORRAZO
A reunión convocada polo presidente en funcións, César Mosquera, foi un éxito de participación, xa que asistiron tódolos rexedores da zona e unha ducia de concelleiros e técnicos locais 
Púxose sobre a mesa a importancia de fomentar a cultura da accesibilidade no tratamento dos espazos urbanos 
Os alcaldes da comarca do Morrazo calificaron onte de "interesante" a proposta da Deputación de Pontevedra para mellorar a xestión do lixo na zona buscando solucións negociadas entre a administración provincial e as locais. O encontro convocado polo presidente en funcións, César Mosquera, serviu para poñerse a disposición total dos concellos e sacar adiante novos sistemas de tratamento que permitan reducir a xeración de residuos e o custe do seu tratamento a través de fórmulas de compostaxe de diferentes dimensións. 
A Deputación estaría disposta a botar a andar eses proxectos asesorando a súa elaboración e, según as peticións locais, facéndose cargo da súa adxudicación, xestión, así como do financiamento inicial para a posta en marcha e incluso do cobro dos recibos aos veciños. O requisito para esa colaboración provincial sería que os concellos terían que elexir a tipoloxía e dimensións dos tratamentos e implicarse no seu mantemento posterior. 
A xuntanza foi todo un éxito de participación, xa que estiveron presentes os alcaldes de Cangas, Xosé Manuel Pazos; Marín, María Ramallo; Bueu, Félix Juncal; Moaña, Leticia Santos; e Vilaboa, José Luis Poceiro; xunto cunha ducia de concelleiros e técnicos locais das áreas de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos. Trátase da reunión con máis asistentes das que a Deputación leva realizado ata o de agora polas comarcas da provincia a pesar de ser a de menor número de municipios convidados. Pola parte provincial asistiron o vicepresidente César Mosquera, os deputados Xosé Leal e Chelo Besada, así como os asesores en materia de residuos, Carlos Pérez, e en materia de mobilidade, Jesús Fole.  
Competencia municipal
A normativa europea obriga a que no ano 2020 a metade dos residuos urbanos sexan reutilizados ou reciclados. De non cumprir este obxectivo as administracións locais podrían recibir sancións económicas, xa que son as competentes para actuar na materia. Dadas as limitacións de determinados municipios, a Deputación decidiu que neste mandato o tratamento dos residuos sería un eixo estratéxico no que colaborar cos concellos. 
Así, para buscar solucións, xa se contratou a un técnico especialista, Carlos Pérez, e convidouse aos municipios a participar nunha viaxe a Navarra para participar nunhas xornadas técnicas e coñecer diferentes sistemas de residuos que hai na contorna. A Deputación pagará o transporte, aloxamento e matrícula para dúas persoas por cada un dos concellos da provincia. 
O obxectivo é que cada administración local coñeza as diferentes posibilidades que ten o seu municipio na xestión do lixo, sempre tendo como referencia a compostaxe e outros tratamentos biolóxicos. A máxima a seguir na provincia será a de reducir o volume de lixo que entra na cadea que vai a Sogama e facer un tratamento local dos residuos orgánicos coa finalidade de reducir custes económicos e obter tamén beneficios ecolóxicos. Según explicou Carlos Pérez, "haberá belixerancia cero con Sogama, xa que o que plantexamos será un sistema complementario". 
Cultura de accesibilidade
Mosquera explicou tamén no encontro que a accesibilidade e a mellora da seguranza viaria serán tamén outros obxectivos deste mandato na Deputación. Nestes momentos, lembrou o vicepresidente, "estanse a gastar cartos para mellorar espazos urbanos, pero 'doen os dentes' de ver como se está a facer". 
Mosquera explicou que é preciso instaurar unha cultura da accesibilidade e que se aplique o concepto de xeito integral en tódolos proxectos en marcha dos concellos eliminando desniveis innecesarios, pavimentacións deslizantes e outros elementos que dificultan o tránsito peonil. Para que os municipios da provincia poidan ter unha referencia de como traballar neste ámbito, o asesor Jesús Fole, arquitecto que deseñou as primeiras actuacións de reforma urbana en Pontevedra aportará a súa experiencia. "Pódense facer ben as cousas gastando menos cartos sempre que as cousas se consulten antes de facelas. Preferimos aconsellar antes que parar ningunha obra despois", sinalou Mosquera, que recoñeceu que hai proxectos provinciais adxudicados que se terán que modificar na execución porque presentan serias deficiencias. 
En canto á seguranza viaria, Pontevedra presenta un das peores cifras de sinistralidade de todo o Estado, polo que o presidente en funcións apostou por que a Deputación faga todo o posible na mellora do viario provincial e no asesoramento municipal, ao tempo que esixa ás demais administracións que se impliquen e eliminen elementos de perigo nas súas estradas. 
Tódolos alcaldes participantes na reunión agradeceron a convocatoria e a posibilidade ofrecida polo novo goberno da Deputación de poder expoñer as súas visións e solicitaron que os criterios que se apliquen á hora de repartir o orzamento provincial "sexan o máis ecuánimes posibles". Tamén incidiron na importancia da implicación dos concellos para que os proxectos de residuos se poñan en marcha e animáronse uns a outros a manter o contacto e a colaboración propiciada trala xuntanza de onte. Ante esta preocupación polos temas tratados, en concreto sobre a posta en marcha de sistemas de tratamento do lixo, Mosquera confiou en que se poderán acadar "resultados brillantes" se se confirma no día a día a implicación mostrada onte polos rexedores.